Esta fin de semana o equipo galego marcha a Madrid para disputar a Clásica Internacional de Alcobendas, cunha formación que dirixe o ciclista de Teo.
O Karpin Galicia disputa esta fin de semana a Clásica Internacional de Alcobendas cunha formación liderada por Ezequiel Mosquera.
O ciclista de Teo participa nesta proba logo de disputar a Volta a Asturias e a Subida ao Naranco, competicións nas que uns problemas respiratorios non lle permitiron render ao seu mellor nivel, aínda que tampouco conseguiron crebar a súa regularidade.
Na Clásica de Alcobendas Mosquera, mellorado dos problemas respiratorios, atoparase tamén co estímulo adicional que supón para el a substitución da habitual contrarreloxo do segundo sector da última xornada, por unha etapa en liña. Nesta carreira estará apoiado por un equipo novo, composto por David Abal, Delio Fernández, Alberto Fernández, Vladimir Isaychev, Serafín Martínez, Jesús Cobelo e Iban Mayoz.
A Clásica de Alcobendas
A carreira iníciase o sábado coa habitual etapa que conclúe no alto de Navacerrada e un percorrido de 144,7 quilómetros que parte de Alcobendas. Esta primeira xornada, como adoita ser habitual, deixará bastante definidas as posicións no pelotón. O segundo día o primeiro sector, sobre 104 quilómetros, irá de Alovera - Azuqueca de Henares; e para a sesión vespertina, que pecha a presente edición da Clásica de Alcobendas, resérvase a etapa: Alcobendas - S. S. dos Reyes: 72,9 quilómetros.
Os outros equipos
A participación compóñena 18 equipos: Andalucía-Caixa Sur, Benfica, Crédit Agricole, Agritubel, Karpin Galicia, Contentpolis-Murcia, Burgos Monumental, Saunier Duval-Scott, Caisse D'Epargne, Flaminia, Tinkoff, Aqua Sapone-Caffe Mokambo, Barloworld, Bouygues Telecom, Fercase-Paredes, Serramenti PVC-Diquigiovanni, Estremadura-Ciclismo Solidario e a Selección Española.