Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Desde a entrada en activo de Reganosa

Un ano de loita "por un mar limpo, por unha ría con futuro"

O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol mobilízase unha vez máis este venres, coincidindo co aniversario da chegada dos primeiros gaseiros á ría.

Redacción - 09:00 09/05/2008

Unha marcha percorrerá desde as 18h deste venres as rúas de Ferrol, dirixíndose ás sedes que diversos socios de Reganosa teñen na cidade. Así, segundo explican desde o Comité Cidadán de Emerxencia, o punto de partida será o edificio da Xunta na Praza de España de Ferrol, xa que o Goberno participa no capital de Reganosa cun 10%. A continuación, os manifestantes dirixiranse até un supermercado de Gadis no barrio de Esteiro, porque o Grupo Tojeiro posúe o 18% de Reganosa.

A marcha continuará ante as sedes de Caixanova e do Banco Pastor, cada unha das entidades dispón dun 5% de Reganosa, cara á sede de Unión Fenosa, que conta co 21%, e de Caixa Galicia, que chega no accionariado ao 10%. O conxunto de accionistas da regasificadora complétase coa participación nun 10% de Sonatrach.

Esta acción ten lugar cando se cumpre un ano da entrada na Ría de Ferrol do buque metaneiro Galicia Spirit, o primeiro que descargou gas natural licuado en Reganosa, no que supuxo a entrada en funcionamento en probas dunha planta de gas que o Comité cualifica de "ameaza para os cidadáns". Daquela, as lanchas dos mariñeiros saíron en sucesivas ocasións a bloquear a entrada da ría para impedir o acceso do buque.

O Comité Cidadán comezou a loita hai xa oito anos, xuntando as forzas de ducias de colectivos de Ferrolterra en protesta pola teima das administracións de autorizaren a construción da planta regasificadora malia os informes contrarios e as irregularidades no proceso. Hai agora un ano, a plataforma subía a presión das súas accións coincidindo coa entrada en funcionamento da planta de gas e da entrada do primeiro buque gaseiro.


4,45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: