Os supermercados do grupo repartirán bolsas coa imaxe e textos do autor, así como varios milleiros de exemplares de 'Santa Matriusca', de Iria López.
Iria López Teixeiro
Ao igual que o pasado ano con María Mariño, Gadis fará o seu particular recoñecemento ao autor homenaxeado no Día das Letras, empregando a súa imaxe e palabras en millóns de bolsas da compra. No 2007 foron catro millóns e medio de bolsas de plástico as que repartiu a empresa, e ao redor de dez mil exemplares do libro A noite de reis de Xosé Díaz Dopico. Nesta ocasión Gadis fai o mesmo con Xosé María Álvarez Blázquez, cuxa imaxe encherá nas vindeiras semanas as bolsas dos supermercados do grupo.
A presentación desta campaña terá lugar este mércores pola mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, coa presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do autor. Tamén estará presente Iria López Teixeiro, de cuxo libro máis recente, Santa Matriusca, repartirá Gadis nesta ocasión un total de vinte mil exemplares.