Innovación e Industria pon en marcha unha serie de actos para conmemorar o día das Letras, da Internet e das Telecomunicacións, o 17 de maio, cun investimento de 300.000 euros.
Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, no acto de presentación
Galiza, Terra de Navegantes é o lema escollido este ano pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industira para poñer en marcha a campaña +Internet, +Galego, +Futuro. Dende este luns, até o 17 de maio, comeza unha conta atrás cara ao día Internet, das Letras e das Telecomunicacións. A consellaría investirá no programa 300.000 euros.
Xa comezou a funcionar a nova web da campaña, baixo o dominio Maisinternetmaisgalego.org. Nela irase informando de todas as actividades que se irán organizando arredor do programa da Dirección Xeral: cinco eventos principais e oito actividades na rede. Tamén contará con entrevistas a persoas do país que destacan pola súa trascendencia internacional no eido das telecomunicacións, un apartado sobre o autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras, Xosé María Álvarez Blázquez, e un concurso, Ti+D, que premiará as mellores propostas dos internautas sobre a aplicación de novas tecnoloxías da comunicación.
O obxectivo da campaña é concienciar a poboación de que non pode haber Sociedade da Información e do Coñecemento no país sen a presenza da lingua galega, normalizada a todos os niveis da sociedade.
A encargada de presentar o programa foi a directora xeral de Promoción Industrial e da Soceidade da Información, Helena Veiguela, quen explicou que se poñerán en marcha 86 proxectos dinamizadores coa colaboración de diversas institucións. Tamén anunciou para o día 10 de maio un encontro para a tradución de software a cargo do Centro de Referencia de Servizos e do Software Libre Mancomún. O 23 e 24 de maio desenvolverase o Congreso Tadega de accesibilidade nas TIC, e o 14 de maio unha xornada sobre a web 2.0.