Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CINEMA

Cans e Curtocircuito quentan motores

Juanma Bajo Ulloa participará o 24 de maio nos 'coloquios na leira' do festival porriñés.

Redacción - 14:00 05/05/2008

A quinta edición do Festival de Cans de curtametraxes, que se desenvolverá naquela parroquia do Porriño do 21 ao 24 de maio, acolle por segundo ano o chamado 'coloquio na leira'. O encontro ten lugar ao aire libre na leira de Alicia, e preténdese que se convirta nun punto de encontro entre o público e directores recoñecidos, pero que comezaron a súa carreira no eido da curtametraxe. Juanma Bajo Ulloa obtivo en 1990 o Goya á mellor curtametraxe con El reino de Víctor, na primeira ocasión na que se outorgaba o premio nesta categoría.

O 24 de maio o director vasco estará acompañado por Manuel Manquiña, que traballou ás súas ordes en Airbag. Ademais, no jalpón de Alicia proxectaranse unha selección das curtametraxes dirixidas por Bajo Ulloa.

A vindeira semana daráse a coñecer toda a programación, así como as curtametraxes seleccionadas entre as perto de cen producións galegas presentadas. O único seguro, polo de agora, é que o actor Chete Lera será homenaxeado, recibindo o premio de honra que entrega a Asociación Cultural Arela, organizadora do certame.

Antes de que comece oficialmente o festival, Porriño acollerá un ciclo de proxeccións chamado 'Sen un can', no que se proxectarán longametraxes realizadas con poucos cartos. Todos os xoves do mes de maio, entre os días 8 e 29, no auditorio do Centro Cultural Municipal proxectaránse Invisibles (Isabel Coixet, Fernando León de Aranoa, Javier Corcuera, Mariano Barroso e Wim Wenders), Bosque de sombras (Koldo Serra), Brick (Rian Johnson).

En outubro, Curtocircuíto

Tamén chega á súa quinta edición Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Compostela. O certame dedenvolverase entre o 17 e o 24 de outubro, cun éxito asegurado polo que parece, pois en tan só vinte días dende que se abriu o prazo para enviar traballos, recibíronse xa máis de 600 curtas. Ademais, do festival oficial, Compostela acollerá actividades relacionadas co cinema de curta duración como as proxeccións ao aire libre de Curtocircuito na Rúa, os xoves de xullo e agosto.

Curtocircuito tamén convoca a IV edición do Concurso de guións para curtametraxes Compostela Plató, que ten como premio a produción do guión gañador, para a súa rodaxe no verán en Santiago de Compostela. Esta iniciativa xorde coa idea de promover a cidade como un escenario ideal para rodar calquera tipo de historia, como xa sucedeu nas pasadas edicións.

O festival conta entre os seus obxectivos a promoción internacional da cidade de Santiago a través do cinema. Segundo afirmou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, "integrar na programación audiovisual da cidade a dous eventos da entidade de Curtocircuito e Cineuropa, permitirá situar a Compostela como centro de referenza a nivel cinematográfico".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: