O Consello de Goberno debe tomar a decisión agora.
A falta de unanimidade no Claustro da Universidade de Vigo, que se reuniu este mércores, impediu un pronunciamiento conxunto sobre a subida de taxas de matriculación que recolle o decreto da Xunta, polo que será o Consello de Goberno desta institución académica o que emita unha posición institucional sobre esta subida.
Despois do debate iniciado polos Comités Abertos de Facultade (CAF) e logo da proposta da Consellería de Educación pedindo suxestións sobre a fixación dos prezos para o próximo curso, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, propuxo ao Claustro apoiar un texto no que se defende unha limitación da subida de taxas, sen que se supere o 50 por cento do crecemento anual do IPC.
A proposta do reitor incluía a definición dun novo sistema de taxas "discriminatorio por tramos de renda", para que non aumentasen os prezos ás rendas máis baixas, e que o crecemento para as rendas máis elevadas fose proporcional. Así mesmo, ofrecía a posibilidade de reforzar o sistema de bolsas e un sistema financeiro universitario baseado en orzamentos públicos.
No entanto, e a pesar de que os CAF defenderon o documento, os representantes de Nova Universidade, o grupo de oposición ao actual equipo reitoral, manifestaron as súas dúbidas sobre esta proposta, xa que "podería resultar prexudicial dependendo de como se aplique". Así as cousas, unha vez rota a unanimidade en defensa dunha limitación do prezo das taxas, será o Consello de Goberno o que se pronuncie respecto diso.