Etiopía é un dos países máis afectados pola mala distribución da auga. Só o 24% da poboación ten acceso a auga potábel e só o 12% da poboación ten acceso ao saneamento. Nas zonas rurais as porcentaxes baixan a un 12% e 7% respectivamente. Porén, non se pode contemplar o problema da auga sen ter en conta o aspecto de xénero que implican dado que son as mulleres e as nenas as que teñen que camiñar ata seis horas diarias para procurar este recurso que logo carretan ao lombo en sellas de até 20 quilos de peso. Portanto, o problema do acceso á auga ten unha dimensión de tanto de desigualdade mundial (coa concentración do uso do recurso nos países ricos) como de xénero.
Moitas nenas abandonan a escola ou non van a ela dende o principio para poder encargarse destas tarefas. Isto sen ter en conta as repercusións que este tipo de traballo ten na súa saúde. Por outra banda o tempo das mulleres e o esforzo físico que consome ir buscar auga para a familia fai que sexa necesaria unha reflexión e cambio dos papeis de xénero que atribúen estas tarefas en exclusiva a mulleres e nenas. Ata o momento moitas organizacións limitáronse a contemplar o problema da auga como un problema de infraestrutura pero Implicadas/os no Desenvolvemento quere presentar con esta iniciativa un novo enfoque que se pode resumir nas seguintes liñas: As actuacións sobre o terreo deben buscar unha xestión comunitaria da auga na que homes e mulleres compartan traballos e onde as mulleres teñan un papel de liderado claro, con recoñecemento dos seus saberes e maneiras de pensar e actuar.
LUGAR, DATAS E DURACIÓN DO PROXECTO:
O evento AUGA en Etiopía é de carácter multidisciplinar e inclúe un número importante de accións. Todas elas se desenvolverán na cidade de Santiago de Compostela durante os meses de maio e xuño.
OBXECTIVOS: achegar a realidade de Etiopía, a importancia do coidado ambiental e a desigualdade de xénero a 2000 escolares da ESO de Compostela, 1.000 persoas máis na cidade e 2.000 máis en toda Galiza a través da web. o Recadar fondos para introducir un compoñente de xestión comunitaria da auga no noso proxecto de empoderamento de mulleres en North Wollo, norte de Etiopía. o Promover un compromiso máis a longo prazo da cidadanía.
ACCIÓNS:
-TRABALLO NOS CENTROS DE ENSINO: Desenvolvemento dos materiais didácticos: durante o 2007 desenvolveranse uns materiais didácticos de calidade que traten os seguintes tres aspectos: a cooperación internacional: que é, que actores ten, evolución histórica; a situación de Etiopía: a riqueza cultural e social do país e a situación específica das mulleres; a auga: presentarase o recurso natural, a súa escaseza e medidas para aforrar auga.
Os materiais, en versión impresa e electrónica, presentaranse aos centros de ensino durante o segundo trimestre do curso 2007-2008. Os materiais incluirán metodoloxías dinámicas que transmitan os contidos dunha maneira amena e axeitada aos grupos de idade aos que van dirixidos.
-ACCIÓNS NA CIDADE DE COMPOSTELA:
Durante os meses de maio e xuño prepararase o ambiente na cidade con vistas á acción "O camiño da auga"; así pois colocaranse bandeirolas nas farolas e publicidade nas marquesinas da cidade de forma que a cidadanía poida comezar a prepararse para a participación. Ademais elaboraranse outros materiais publicitarios como: carteis e folletos informativos, camisetas, alfombras para ordenador, etc.
-Programa de actos en maio e xuño: Durante os meses de maio e xuño realizaranse unha serie de actos ao redor dos temas centrais da acción na cidade de Compostela. Estes actos inclúen:
-Curso de formación aberto á cidadanía sobre a cooperación en Etiopía, no Centro Sociocultural "As Fontiñas". Datas: xoves 12 (16 a 21 h) e venres 13 de xuño (16 a 21).
-Proxección do documental "A semente, Etiopía". na Fundación Caixa Galicia. 15 de maio de 2008 ás 19.00 h
-Charla sobre a auga a nivel mundial a cargo de ADEGA, na Fundación Caixa Galicia. 28 de maio de 2008, ás 19.00 h.
-Exposición de fotos sobre Etiopía, da ONG Implicadas No Desenvolvemento, na Galería Sargadelos. 26 maio - 9 xuño
-Camiño da auga: O día 7 de xuño realizarase a acción colofón cunha peregrinaxe simbólica dende a Porta do Camiño ata a Praza da Quintana. Nesta peregrinaxe convidarase a mulleres do mundo da política, cultura e o deporte de Galicia a cargar cos colectores de auga que levan as mulleres en Etiopía como un xesto de solidariedade e unha forma de visibilizar esta situación. A proposta de mulleres para a peregrinaxe inclúe a Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte, Dolores Villarino, Presidenta do Parlamento de Galicia, Fabiola Sotelo, Directora Xeral de Cooperación, Carme Adán, Secretaria Xeral de Igualdade, Chus Lago, alpinista, unha representante do Concello de Santiago, representantes das empresas de auga galegas, Rosa Aneiros, escritora e xornalista, Mercedes Peón, música, Mabel Rivera, actriz, María Reimóndez, presidenta de Implicadas.
Ao mesmo tempo realizaranse actividades de teatro e animación organizadas por grupos de voluntariado de Implicadas en diferentes prazas da zona vella de Santiago: Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes e Praza de Praterías. Na Praza do Quintana farase o acto central da campaña. Instalarase un escenario onde as participantes lerán un manifesto e realizarase unha actuación do grupo etíope de danza contemporánea Adugna e Nova Galega de Danza sobre o tema da auga. Tamén se contará cunha actuación musical.
O obxectivo é que a cidadanía se una á peregrinaxe. Para isto mobilizarase ao alumnado dos centros nos que se traballou coa unidade didáctica, darase ampla publicidade ao evento e cobertura informativa nos medios de comunicación e traballarase coas asociacións veciñais e outras presentes na cidade (asociacións deportivas, culturais, etc).
-CIBERACCIÓNS:
As ciberaccións que se contemplan enmárcanse nestes dous campos:
-Información e participación a través da páxina web de Implicadas.
-A cidadanía poderá subscribir o manifesto que se presentará no acto do camiño da auga. Tentarase buscar o apoio dos grupos políticos e se fose posible do Parlamento de Galiza para esta iniciativa que buscará unha maior implicación de Galicia na erradicación da pobreza en Etiopía a través dunha vía política de non colaboración coa explotación aos países do sur.
-Recadación de fondos para o proxecto a través do patrocinio de empresas de auga mineral galegas. Animarase á cidadanía a facer "clic" nos logotipos das empresas e estas doarán unha cantidade que se acorde segundo o número de persoas que fagan o clic no seu logotipo.