Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estudantes á folga contra a suba das taxas

"É importante que no ensino público se teña en conta a realidade socioeconómica de Galiza"

En Vieiros falamos sobre os principais problemas da comunidade universitaria con Gael González, responsábel nacional dos CAF, organizadores do paro.

A. Rodríguez - 14:05 28/04/2008

Os estudantes, mobilizados polos CAF, preparan unha folga para esta terza feira 29 de abril, contra a suba das taxas na universidade galega (por riba mesmo do IPC) e contra a intención da Consellaría de Educación de manter os recargos para a segunda, terceira e cuarta matrícula. Xa o pasado 31 de outubro convocaran un primeiro paro neste curso e conseguiron xuntar máis de 10 mil sinaturas de apoio. Agora vólvense poñer en folga.

Vieiros falou con Gael González, responsábel nacional dos CAF, que nos contou que non van permitir que os estudantes teñan que pagar máis cada ano, posto que as universidades públicas deben ter un plano de financiamento, non vivir de chuchar dos petos dos universitarios.

Vieiros: Este curso comezárono cunha primeira folga, o 31 de outubro. Como fora naquela altura? Como prevén que se desenvolva esta segunda folga?

Gael González: A folga do pasado 31 de outubro foi espectacular. Houbo un paro xeneralizado nos sete campus galegos, salvando algúns casos nalgunha aula de Dereito da Coruña ou Ourense. Supoñemos que houbo esta contestación porque estabamos aínda en período de pago de taxas, e a xente estaba máis sensibilizada.

Agora, con este paro, a conxuntura é totalmente distinta: estamos case a finais de curso, en período de exames, e o traballo dos estudantes faise máis intenso. De todos os xeitos, todos os campus están avisados. Levamos tempo facendo unha intensa campaña. Entendemos que o nivel de participación na folga vai ser alto, mais non sabemos como vai ser o seguimento das concentracións que están convocadas.

Levan un tempo en conversas coa Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario Galego para que se mude o Decreto Galego Decreto Galego de Prezos Públicos 2008/2009... chegaron a algures?
En abril do ano pasado por fin puidemos manter a primeira xuntanza co director xeral, Xosé Ramón Leis Fidalgo (levabamos dous anos tentándoo, dende que mudamos de goberno) e fomos para transmitirlle as principais demandas da comunidade universitaria, entre as que se atopa a paralización da suba das taxas. Daquela fixeron caso omiso e sacaron o Decreto, polo que organizamos a primeira folga deste curso, a do pasado 31 de outubro.

O 21 de novembro seguinte, coas 10 mil sinaturas que conseguíramos contra a suba das taxas e pedindo a transferencia da política de bolsas do goberno español á Xunta, solicitamos unha nova xuntanza, que non se produciu até o día 27, e nesta non conseguimos máis compromiso que a apertura dun novo proceso negociador entre marzo e abril deste ano. Agora, a piques de terminar o mes de abril, aínda non se puxeron en contacto con nós.

Mais en todo este tempo non ficamos parados: conseguimos unha resposta do Consello da Xuventude de Galiza (que aprobou unha nosa iniciativa para que se paralice a suba das taxas) e chegou o histórico posicionamento do Claustro da Universidade da Coruña e de dous membros do Consello Galego de Universidades.

Falando do posicionamento da UDC contra a suba das taxas, que significou para os Comités?

Para nós foi un Claustro histórico, porque a Universidade da Coruña é a primeira de todo o Estado que se pronuncia en contra do aumento dos prezos públicos. Ademais, valoramos moi positivamente a unidade dos representantes dos estudantes no mesmo Claustro e no proceso anterior, de recollida de apoios. O único que lamentamos é que non se aprobase o posicionamento por unanimidade e que non se incluíra nel a condena aos recargos pola segunda, terceira e cuarta matrícula. Pero o saldo foi claramente positivo.

Ademais tamén é de destacar o apoio que conseguimos do Consello da Xuventude, o que supón que as tres organizacións xuvenís que teñen representación no Parlamento Galego son contrarias á suba das taxas.

Este curso os CAF recibiron abondas críticas doutras organizacións porque pensan que non fixeron abondo, e que agora xusto que se van aprobar as modificacións dos prezos públicos é cando chegan as mobilizacións...

É bastante escandaloso que cheguen esas críticas cunha falta absoluta de rigor. Os CAF, dende a súa fundación hai máis de vinte anos, veñen condenando a política de prezos públicos do Estado e a privatización encuberta das Universidades. A folga que organizamos este curso (en outubro) non foi puntual, posto que fixemos todo un traballo previo e posterior para obter apoios que culmina con esta folga do 29 de abril. O estudantado ten que facer presión, non acomodarse. Que veñan estas críticas, como por exemplo as que dicían que faciamos as folgas en véspera de festivo, é bastante lamentábel. Os estudantes escollen e son os responsábeis que ir ás aulas, quedar na casa ou mobilizarse.

Nós entendemos que esta política de prezos públicos é unha estratexia dentro da UE, do Estado Español e chega a Galiza, enmarcada no proceso Boloña, no que se quere corresponsabilizar aos estudantes do financiamento da Universidades, coma se non fosen un servizo público esencial. En teoría a administración debera apoiar un acceso igualitario ao ensino superior para quen desexe estudar na Universidade, pero isto non é real: non o permiten nin as taxas nin a política de bolsas existente.

O Estado Español segue a impoñer as taxas conforme á suba do IPC, pero o español e non o galego, que é menor, polo que aquí seguimos pagando máis, o que é máis un atranco a ese acceso igualitario que promulgan. Tamén as bolsas están por baixo do que se precisa aquí, polo que tamén pedimos que a Xunta teña todas as competencias na política de bolsas, que axuden aos estudantes e que corrixan as eivas das bolsas do Estado (atrasos, problemas na concesión...) É preciso que en todo o relacionado ao ensino público se teña en conta a realidade socioeconómica do noso país.


3,33/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Aulas baleiras na Coruña no anterior paro, do 31 de outubro de 2007
Aulas baleiras na Coruña no anterior paro, do 31 de outubro de 2007
Concetración diante da delegación de Educación na Coruña, o pasado 31 de outubro
Concetración diante da delegación de Educación na Coruña, o pasado 31 de outubro
Concentración o 31 de outubro en Pontevedra
Concentración o 31 de outubro en Pontevedra
Manifestación pola zona vella compostelá, o pasado 31 de outubro
Manifestación pola zona vella compostelá, o pasado 31 de outubro