O Dépor consegue a súa quinta vitoria consecutiva fronte ao Barça, namentres que Celta e Rácing caen con Nástic e Sevilla Atlético, respectivamente.
O Deportivo confirmou o seu gran momento e logrou o seu quinto triunfo consecutivo ante un Barcelona que apostou polas rotacións coa mente posta no partido de volta das semifinais da Liga de Campións.
Aínda que o Barça tivo a posesión do balón, as ocasións máis claras foron para o Depor. Especialmente, cómpre salientar o excepcional partido de Lafita. O primeiro gol dos da Coruña chegou precisamente tras unha combinación deste con Manuel Pablo, que remachou Juan Rodríguez.
O Depor perdeu o control do partido tras o tanto, mais mantívose firme en defensa. Finalmente, o equipo branquiazul e co ritmo do partido durmido, sentenciou o partido cun remate de cabeza de Pablo Amo no segundo pau tras unha falta.
Mala xornada para Celta e Rácing
A cruz puxérona os representantes de segunda. Tanto Celta como Rácing perderon os seus partidos fóra da casa por dous goles a un, contra o Gimnàstic, os de Vigo, e contra o Sevilla Atlético, os de Ferrol. Ademais, a vitoria do Nástic mete presión aos racinguistas na loita por evitar o descenso.
O Celta dominou a primeira media hora de partido, mais o Nàstic recuperou o pulo no encontro. No entanto, cando peor estaba xogando o conxunto celeste chegou o seu primeiro e único gol, do pé de Núñez.
O Nàstic continuou a atacar intensamente, e igualaba no minuto 81 tras botar un saque de esquina, e finalmente conseguía o segundo tanto no 87.
Tamén o Rácing de Ferrol comezou ben o seu partido contra o Sevilla Atlético, controlando o balón e buscando o gol coas xogadas a balón parado. Non durou moito o dominio racinguista. No minuto 32, o sevillista Armenteros logrou o primeiro gol, e pouco despois, anotou o segundo tras fallar Alfaro un lanzamento de penalti.
Na segunda metade, todo puido cambiar de non errar Medina un penalti que ademais provocou a expulsión de Óscar Ramírez. No entanto, os de Ferrol marcaron o 1-2 no minuto 83, grazas a unha acción de Álvaro Antón e puxéronlle emoción ao partido deica o derradeiro minuto.