A súa avogada recorreu ao Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo despois de lles negar o Supremo un recurso interposto en 2005.
Francesc Argemí, Franki, foi condenado en abril de 2005, acusado de ser o responsábel de darlles azos a un grupo de persoas para que queimasen unha bandeira española pendurada na Casa da Vila de Terrassa, e de ter causado desordes públicos e atentar contra a autoridade.
Os feitos acontecían no verán de 2002, durante un pasarrúas organizado contra a presenza da citada bandeira e máis da bandeira da UE no balcón consistorial, que foi reprimido por axentes da policía local. Meses máis tarde os policías denunciaron a dúas persoas como responsábeis de tentar despendurar a tea e de agredilos. A fiscalía fixo unha acusación inicial e pediu 3 anos e 6 meses de prisión. O caso seguiu adiante, mais só contra Francesc Argemí, após mudar os policías locais a súa versión. Lida a sentenza, a avogada de Franqui, Montserrat Salvadó, presentou un recurso ante o Tribunal Supremo.
Tres anos despois, a pasada sexta feira 18 de abril, sóubose que o Tribunal Supremo non admitía a trámite este recurso interposto en 2005, e a avogada de Argemí finalmente resolveu presentar outro recurso ante o Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo.
Entrada en prisión inminente
A partir do momento no que reciba a notificación do Supremo, o Xulgado número 2 de Terrassa, pode executar a sentenza. Agora a xustiza ten vía libre para lle notificar a Francesc Argemí a súa data de entrada en prisión.
Esta quinta feira de tarde o colectivo Solidaritat Antirepressiva de Terrassa (SAT) organizou na vila unha concentración en solidariedade co mozo, e prepara xa outra para o 10 de maio que se desenvolvería en Barcelona, na Praza da Universidade, co apoio doutras organizacións catalás.