Traslada todos os directivos e prepara unha redución drástica do cadro de persoal no país. O comité de empresa organiza mobilizacións contra o proceso.
Fadesa contaba con máis de 400 traballadores en Galiza cando en setembro de 2006 se coñeceu que o daquela presidente, Manuel Jove, chegaba a un acordo co empresario madrileño Fernando Martín para venderlle a súa participación na construtora coruñesa. Desde aquel momento, e malia que en diversos momentos os novos propietarios aseguraron que se mantiña o "compromiso con Galiza" e a sede social no país, o grupo iniciou unha rápida "desgaleguización".
Entre despedimentos e traslados, a sede galega da empresa conta na actualidade con pouco máis de 200 traballadores, a metade dos que contaba daquela e en pleno proceso de expansión. O novo plan fronte ao que reacciona agora o Comité de Empresa podería deixar o cadro en pouco máis dun cento de empregados. Non será até comezos de maio cando se coñezan os detalles, pero diante da falta de información que lles é trasladada, os traballadores temen un escenario pouco afagador.
Unha concentración abre o mércores as protestas
Para as 14h deste mércores o comité de empresa convocou unha concentración ás portas da empresa, unha primeira medida de protestas coa queren expresar a súa "oposición total" aos novos despedimentos proxectados pola inmobiliaria e ao "posíbel desmantelamento da súa sede n'A Coruña".
Nunha xuntanza recente na Inspección de Traballo con representantes da empresa, Martinsa-Fadesa admitiu que é probábel que o número de despedimentos vai superar os 74 que anunciara o pasado mes de novembro. Fermín García, presidente do comité de empresa, laiouse de que a empresa teime nesa estratexia de desmantelamento ao tempo que os seus números indican que "capea o temporal inmobiliario" sen excesivos problemas.
Bos números malia a desaceleración no sector
A empresa alcanzou no último ano un beneficio de 271 millóns, finalizando 2007 cun 11% máis de ganancias respecto aos números marcados durante o exercicio anterior. A actividade estritamente inmobiliaria é na actualidade o 95% do negocio do grupo empresarial. No seu balance, Martinsa-Fadesa sinala tamén o récord de pre-vendas realizadas, subliñando que a empresa asegura unha alta porcentaxe de ingresos para os próximos anos.
Ademais, en 2007, o 67% do negocio do grupo xa tivo lugar en mercados internacionais. Exemplo da aposta da empresa polos novos mercados inmobiliarios emerxentes foi algún dos proxectos máis ambiciosos que presentaba recentemente na feira inmobiliaria SIMA, onde anunciaba un xigantesco complexo residencial, integrado por máis de 7 mil vivendas, ademais de áreas comerciais, oficinas e hoteis. A curto prazo, e alén da media ducia de promocións residenciais no extranxeiro, Martinsa-Fadesa presentou até 20 promocións en diferentes puntos do Estado.