Os equipos galegos na LEB Ouro seguen a loitar polo ascenso, mentres as mozas buscan os postos de play-off para xogar a tempada que vén en Europa.
16 vitorias na liga, a última contra o Aguas de Valencia Gandía a pasada sexta feira, fan que o equipo compostelán siga a un paso de poder xogar os play-off de ascenso da LEB Ouro.
Nun partido que se complicou até o descanso, os composteláns venceron aos valencianos por 90-83, xogando na casa. O Beirasar Rosalía queda a un paso das 17 vitorias que o seu adestrador, Félix Muñoz, considera claves para poder chegar á loita polo ascenso.
O Breogán, manténdose no cuarto posto
Gañou en Lleida contra o Plus Pujol, mais non sen sufrir. Os lugueses anotaron 84 puntos polos 79 dos cataláns, na que foi a súa sétima vitoria consecutiva.
Desta volta medíanse cun rival forte (non como aconteceu nas últimas cinco xornadas, nas que xogaron con equipos da zona baixa da clasificación), o quinto clasificado, e en Lleida, lonxe da casa. A ausencia de Davis tampouco se notou no cadro breoganista, que apurou as canastras, unha detrás de outra, para manterse de cuartos na táboa.
Na liga feminina
O Celta Vigourban venceu, na casa, ao Rivas Futura, que vai de quinto, xusto un posto por riba das viguesas. No partido gañaron por 82-70 e, sumando as 14 vitorias, as celestes mantéñense no sexto posto, con dous puntos máis que o Extrugasa de Vilagarcía.
Polo seu lado as arousás sufriron no partido contra o Gran Canaria, no que mesmo chegaron a disputar dúas prórrogas para terminar perdendo por un punto (91-90).
O ascenso á Liga Feminina
Esta segunda feira sortéase en Compostela a fase de ascenso á Liga Feminina, que se ha disputar na cidade. Por volta das 14:00 horas daranse a coñecer os emparellamentos e os horarios, nos que entra o equipo compostelán Pío XII.