Hai nova conferencia e nomadismo pola provincia da Coruña. Queda nada para saber quen chega aos play-off finais.
Aínda cos golpes resoando do tremendo éxito colleitando nas terras do Sur co I Aberto de Mos e coa espectacular xornada vivida a pasada fin de semana nas terras do Valadouro (A Mariña) cos mellores palanadores e palanadoras da Conferencia NorLeste (que andan en clasificacións para poder disputar os play-off en Compostela, en maio), hai novidades: temos nova tribo billardeira.
Ás terras de Cerceda (entre os efluvios da central de Meirama e doutras entidades que tamén acaba en -ama) chegou o espírito da billarda, e velaí: temos nova franquicia. Hase estrear este domingo, a partir das 16:30 horas na pista de San Martiño de Ledoira, parroquia do Concello de Frades.
O torneo de Ledoira ha marcar, ademais, un fito na Liga Nacional de Billarda (LNB) porque, por primeiriza vez na historia, os da tribo do NorOeste fanse nómades e deixan a súa urbana pista da Zapateira, na Coruña, para baixar un pouco no mapa e selar a unión coa nova tribo cercedense.
Os resultados, minuto a minuto e en directo n'O Varal Morse.