Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medidas de "impulso" económico do goberno español

Parche para o peto dos cidadáns e "privilexio" para a banca

A Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas láiase de que os sectores que xa experimentaron "enormes" beneficios en 2007 sexan os máis beneficiados das "medidas de choque" anunciadas polo Consello de Ministros.

Redacción - 09:50 19/04/2008
Pedro Solbes, ministro de Economía

Pedro Solbes, ministro de Economía

"Estarán as medidas reais enterradas nalgún caixón do Ministerio de Economía?". É a pregunta que se fan desde a Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas, Adicae, laiándose de que grandes empresas de consumo e bancos e caixas de aforro sexan os "beneficiarios reais" das medidas de "impulso económico" anunciadas este venres polo Consello de Ministros.

A asociación avalía que a devolución de 400 euros aos contribuíntes anunciada polo goberno español e máis a prolongación do prazo da hipoteca, son iniciativas que á fin só permiten "aumentar e prolongar o endebedamento". No caso das hipotecas, definen de "tomadura de pelo" a medida, e advirten de que en último término, o simple cambio de prazo só "multiplica" os intereses que acaba pagando o cidadán.

Adicae considera que as cualificadas como "medidas de choque" desde o executivo estatal son á fin un conxunto de iniciativas que só beneficiarían "aos promotores e construtores, as entidades financeiras, as grandes empresas de telecomunicacións e enerxía", entre outras. "É para quen parece que en realidade se goberna", quéixanse desde o colectivo.

O goberno español confía no "estímulo económico" do proxecto
Desde o executivo estatal sinalan que a dedución de catrocentos euros que aplicará Facenda implica unha redución de impostos de seis mil millóns de euros. Destacan ademais que desde maio e durante dous anos as familias poidan ampliar gratuitamente os prazos das súas hipotecas, e salientan a eliminación do gravame no Imposto sobre o Patrimonio, a obtención mensual das devolucións do IVE ou as "facilidades" para a recolocación de traballadores desempregados a través dun plan de reinserción laboral.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: