O incremento de emprego rexistrado en Galiza situouse no 2,3 por cento, mentres que o nivel de facturación ascendeu até o 9,8%.
Febreiro foi un bo mes para o sector servizos galego. Cun incremento do 12,1 por cento con respecto ao mesmo mes do ano pasado, os servizos están a turrar da economía ante o descenso da actividade construtora. Segundo os datos facilitados polo INE, a taxa de emprego tamén se incrementou, neste caso nun 2,3 por cento.
Os bos resultados obtidos polos servizos galegos destacan tamén a nivel estatal, son os máis elevados despois dos de Aragón, cunha taxa do 12,7 por cento, e superan con creces a media do Estado, que se sitúa no 7,8 por cento.
Tamén no nivel de facturación, Galiza ocupa o segundo lugar con respecto aos dous primeiros meses do ano, cun crecemento do 9,8 por cento con respecto ao mesmo período de 2007. Os sectores que máis medraron en febreiro foron os servizos a empresas (10,4%), o transporte (8%), o comercio (7,7%), as TIC (6,5%) e o turismo (5,9%), no conxunto estatal.