Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVEDADES CARMINHA, BANDA DE PUNK

"En Lalín, os poucos que non son punkies dedícanse a facer cocido"

A banda presenta o seu primeiro traballo, 'Grandes Éxitos', editado á vez en cassette e en mp3 para a súa descarga de balde.

Marcos S. Pérez - 10:30 18/04/2008

O punk é unha ensalada de hostias. Consiste en dous acordes, unha batería rápida e en provocar todo o que se poida, dispararlle a todo e a todos sen facer prisioneiros. E ás veces a maior provocación é o humor, como cando os primeiros Siniestro cantaban aquilo de 'Ayatolah!, non me toques a pirola'. Os composteláns Novedades Carminha están formados por Jarri (baixo e voces), Carlangas (guitarra e voces) e Xavi (batería e voces) e os tres estudan Xornalismo na Universidade Complutense.

Veñen de publicar o seu primeiro traballo, titulado Grandes éxitos, que se pode descargar de balde na Regueifa Plataforma, e que tamén se pode adquirir en formato físico; pero non en cd, senón en cassette. Este venres presentan no C.S. A Gentalha do Pichel de Santiago de Compostela, acompañados dos tamén composteláns Royalties, e en xuño debutarán en Madrid, na Sala Siroco canda a Juanita y los Feos.

L.A.L.I.N.

Ensalada de Hostias

En Madrid saben que aínda por riba de serdes galegos sodes punkies?
Si, ho. Os compañeiros sábeno. Os profesores non sei, porque non os coñezo.

Con Novedades Carminha volve o punk?
Punk hai, sempre o houbo. O que nos diferencia é a actitude, a recuperación do humor, do ridiculismo, da vontade de escandalizar que tiñan, por exemplo, Siniestro Total ou Resentidos.

Por que é necesario o punk?
Porque se non houbese punk volveriamonos tolos, e cando a xente non escoita punk, desaparecen Mari Luz ou Madeleine McCaan. Se non temos humor e tomamos as cousas demasiado a serio, facemos cousas como as que fai Santiago del Valle.

Quen merece unha 'ensalada de hostias' en Galiza?
Primeiro Noel Feans (A Regueifa) e Ataque Escampe, e despois O Leo i Arremecaghona!!! e Ánxela Bugallo.

O voso disco está na rede en mp3, e en cassette analóxica. O CD está definitivamente morto?
O que pasa é que os cedés utilizámolos para gravar pelis porno, e en cambio os cassettes teñen ese romanticismo de burdel, teñen un valor obxectual.

Cantos punkies hai en Lalín?
En Lalín tan só a cuarta parte da xente non é punkie, e os tres cuartos restantes si que o son. E os que non o son dedícanse a facer cocido.

Pero por que hai tanto punkie alí?
Porque non hai barras americanas.

Cantos acordes sabedes entre os tres?
Todas as cancións están en la e en re.

A vosa música bebe máis do situacionismo ou do postdadaísmo agresivo?
Bebemos de Labordeta, porque Un país en la mochila é a nosa influencia máis importante. A función primeira deste grupo foi mangarlle o viño e os queixos aos vellos. En realidade nós queríamos formar unha orquestra e ir polas aldeas, pero saíunos punkie. Pero que conste que a Guy Debord tamén o coñecemos, que o seu fillo fixo connosco a comuñón.

Cantos de vós botaríades da cama a Bowie?
Os tres. Somos máis de John Travolta.

É certo que só tocades para ligar?
E ligamos para comer. Somos así, horteras pero elegantes, até saímos aos concertos cun caravel na solapa.

Canto dura un concerto punk dun grupo que só ten sete cancións?
Media hora. A verdade é que tocamos seguidas todas as cancións, aínda que polo medio facemos referencias a poetas galegos contemporáneos como Dani Salgado.


4,95/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: