O plan da Secretaría Xeral de Benestar está baseado nas Comisións Permanentes que buscan unha integración sociolaboral, educativa e sanitaria individualizada.
Baixo a dirección da Secretaría Xeral de Benestar e coa participación das consellarías de Educación, Traballo, Vivenda, Política Territorial, Presidencia e Sanidade, nace a Comisión Interdepartamental de Loita Contra a Pobreza e Exclusión Social, creada o luns para garantir a coordinación dos diferentes departamentos da Xunta á hora de abordar a integración do pobo xitano.
O vicepresidente galego, Anxo Quintana, destacou a importancia de que todos estes departamentos traballen de forma conxunta para afrontar o problema dende varios polos. Tamén indicou que o chabolismo non se soluciona tan só a través dos realoxamentos, senón que pasa pola integración sociolaboral, educativa e sanitaria.
Coa fin de solucionar estes problemas, Vicepresidencia elaborou un plan no que se prevén uns itinerarios de integración que "xa comezaron a efectivizarse", e que ten como principal instrumento de acción as Comisións Permanentes de Integración naqueles concellos onde fose necesario crealas. Xa están a funcionar as da Coruña, Pontecaldelas e Poio e "e faranse en todos os sitios onde se considere oportuno e necesario facelo" .
Poboados de carácter transitorio
Ademais das Comisións Permanentes, o plan de Benestar pretende cumprir co itinerario de integración a través de protocolos individualizados, de integración de cada familia e de cada persoa, sendo os poboados de transición unha medida puntual e nunca permanente.