E tamén se fai en dúas cidades por primeira vez: en Vigo e en Pontevedra. Comezan así a se cumprir os obxectivos da Federación Galega.
Asinando o protocolo do Mundial, en Vigo
O hóckey internacional ten dous mundiais distintos, o Mundial A e o Mundial B. Desenvólvense cada dous anos coas mellores seleccións masculinas deste deporte, e está organizada pola FIRS, a federación internacional.
No Mundial A xogan os 16 mellores equipos do mundo (entre eles o combinado estatal español, un dos mellores, que xa ten no seu haber 13 mundiais, o último gañado o ano pasado en Montreux, Suíza); e no B as 16 nacións denominadas de "nivel inferior". Son como dúas ligas, a de primeira e a de segunda división, de tal xeito que os tres primeiros equipos do grupo B teñen asegurado o ascenso ao A; e do mesmo xeito os tres peor clasificados do A baixan ao B.
Como o último Mundial A foi en 2007, o seguinte será en 2009 e tócalle a Vigo.
Vigo 2009: Campionato do Mundo de Hóckey... en galego
Os designios do hóckey mundial son rexidos pola Federación Internacional de Deportes sobre Patíns (International Roller Sports Federation), que ten como linguas oficiais o castelán e o inglés.
Mais en Vigo vai haber unha outra lingua oficial: o galego.
Segundo o protocolo asinado a finais do pasado mes de marzo pola Federación Española de Patinaxe, a Federación Galega, o Concello de Vigo e o de Pontevedra (representado polo tenente alcalde, Santiago Domínguez, e os concelleiros de Deportes de Vigo e Pontevedra, Xavier Alonso e Chano Esperón respectivamente) e a Federación Internacional, a terceira lingua oficial en Vigo 2009 vai ser o galego. Isto quere dicir que todas as comunicacións se van facer nas tres linguas.
Andaba polo medio o Concello de Pontevedra porque o Mundial de 2009 hase desenvolver nas dúas cidades.
Un Mundial que pretende espallar o hóckey por Galiza
Entre os traballos da Federación Galega de Patinaxe está o de estender as disciplinas que representan por Galiza adiante, a través da dinamización da base e da axuda a creación de clubes e espazos para practicar estes deportes.
Tamén o hóckey entra nos obxectivos da Federación, e con este Mundial quérese comezar a traballar nisto, polo que algúns dos partidos han ser en Vigo e outros en Pontevedra, dúas zonas nas que (xunto con Carballo, Ordes ou A Coruña, entre outras), existe moita afección a este deporte.
Entre os equipos tamén estará o combinado estatal, consagrado xa como o mellor do mundo na actualidade, posto que aos seus 13 campionatos seguidos únese o feito que, dende o ano 2000 a selección española venceu en todos os campionatos disputados, a excepción do Mundial de Portugal (desenvolvido en Oliveira de Azeméis, en 2003) que gañou a selección anfitrioa, que ademais é unha das máis laureadas, con 15 Mundiais no peto.
Non é o primeiro Mundial que se desenvolve no noso país
Este non é o primeiro Mundial que se desenvolve no noso país, posto que en 1972 e en 1988 a cidade da Coruña acolleu este campionato.
Mais desta volta só houbo unha candidatura galega, a viguesa, que competía con Madrid e Cáceres, dúas adversarias fortes. Mais finalmente Vigo levou o Mundial, noticia que se soubo mentres pelexaba por facer valer a súa candidatura á Universiada 2013.