A asociación cultural transfronteiriza presentou o concurso, ao que se poden presentar pezas de vídeo de menos de cinco minutos.
Trátase de contar onde vives, e de facelo con imaxes en menos de cinco minutos. Pódese gravar un pequeno documental, unha crónica, ou un vídeo de denuncia, e despois cada persoa ou colectivo participante pode escoller entre colgalos directamente en youtube ou envialo ás asociacións que convocan o concurso: A Morraceira, de Vilanova de Cerveira, e a Oficina Xuvenil Transfronteiriza de Tui. O prazo para a presentación dos candidatos está aberto até o 17 de maio.
Ponte nas Ondas e a Morraceira convidan a través deste certame a participar na XIV edición de Ponte nas Ondas o 6 de xuño, e no festival de cinema Filminho, que se celebrará entre o 22 e o 27 de xullo. En xuño, proxectaranse todos os vídeos presentados, e en xullo, no festival, poderanse ver os gañadores
Os premios serán individuais e colectivos, e van dende unha colección de cinema galego, unha cámara de fotos dixital e unha cámara de vídeo, até o premio máximo, a realización dunha curtametraxe coa produción do festival Filminho.