Os datos indican que 21 destas compañías conseguiron superar os 100.000 euros, trece máis que en 2005.
Os monicreques de Valdemuller
As compañías teatrais medraron economicamente un 16 por cento en 2007 e no caso dos monicreques, este incremento foi aínda máis elevado, chegando a acadar o 33 por cento de subida, segundo indican os datos recollidos polos grupos programados o ano pasado na Rede Galega de Teatros e Auditorios e na Rede Galega de Salas.
Estes datos, recollidos no boletín do IGAEM, reflicten ademais un incremento das compañías que acadaron os 100.000 euros durante o pasado ano, situándose en 21, un número moi superior ás tan só 8 que chegaban a esta cifra en 2005. Durante 2007 tamén se incrementou nun 2 por cento o número de espazos escénicos, un 8 na programación e un 25 por cento nas dotacións económicas.
As iniciativas do Plan Galego das Artes Escénicas para 2008, continúan nesta liña, para incrementar o progreso acadado na anterior campaña. Así, procederase ao progresivo aumento dos recursos financeiros até chegar a superar os 2 millóns de euros entre as sete modalidades convocadas, e estrearase o Crédito Cultura, na procura dunha maior presenza da música e a danza nas súas políticas.
O sector musical
O musical será un dos sectores máis beneficiados, debido á creación de novas liñas de axuda, destinadas á promoción de traballos discográficos, á actuación dos artistas galegos fóra da nosa terra e a impulsar a presenza de empresas musicais en feiras de carácter internacional, ademais de continuar coa Rede Galega de Música ao Vivo que comezou a camiñar en 2007, e da marca Galician Tunes.