Para o equipo galego esta foi "a actuación máis completa dende os seus comezos no mundo do ciclismo". Só o gañador do Tour 2007 superou ao ciclista de Teo.
O equipo galego foi protagonista de principio a fin na primeira etapa, posiblemente tamén a máis esixente dende o punto orográfico, da rolda vasca.
Nun escenario Pro Tour, o único continental, o KGZ, foi o protagonista dende o comezo: na saída con Mayoz, despois con Ezequiel Mosquera e na meta co propio Mosquera e con David Herrero, que terminaron a primeira etapa de segundo e de terceiro, respectivamente, superados tan só por Alberto Contador. Mayoz rematou a xornada tamén como líder das metas volantes. Foi un día completo.
A determinación de Mosquera
A pouco máis de dous quilómetros do cumio do último porto, Deskarga, apareceu, con gran determinación, Ezequiel Mosquera, para abrir rapidamente un oco de vinte e dous segundos sobre un grupo de perseguidores formado por ciclistas de gran forza.
Algúns corredores tentaron seguir ao ciclista do Karpin Galicia, pero as ramplas do curto e duro porto guipuscoano acabarían comendo as súas ambicións. Só a forza de Alberto Contador, a un quilómetro da cima, deixou cravados aos seus rivais, ao tempo que lle permitía darlle alcance a Mosquera, xusto cando este acababa de chegar ao cumio.
Os dous corredores de cabeza lanzáronse no descenso até a meta, a seis quilómetros, sobre o asfalto mollado. Contador puxo máis determinación na baixada e escapou uns metros. A tenaz reacción do ciclista do Karpin Galicia permitiulle coller de novo a roda do gañador do Tour de Francia, que a pouco máis dun quilómetro da meta marchou de novo uns metros para cruzar a liña de chegada con tres segundos de vantaxe sobre Ezequiel Mosquera, segundo; e con oito sobre un grupo de vinte e catro unidades, encabezado polo tamén ciclista do Karpin Galicia David Herrero, que lle emprestou roda a Cunego, Ricco e Rebellin.
Gran comezo, en definitiva, do KGZ na rolda vasca, que na segunda xornada ofrece un percorrido de 153 quilómetros entre Legazpi-Erandio, sobre un trazado que inclúe un porto de primeira e catro de terceira.