Un libro-cd reúne as colaboracións realizadas no xornal 'Infoxove' por autores das máis recentes xeracións, que tamén len os seus textos.
Dende a súa aparición, o xornal Infoxove, editado pola Dirección Xeral de Xuventude, incorpora a sección Letras Novas, pola que pasaron, mes a mes, boa parte dos máis prometedores autores novos do país. Narradores e poetas da nova xeración, nacidos nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta (con algunha excepción), que están achegando novas voces e novos discursos ás letras galegas. Agora, esas 51 colaboracións aparecidas en Letras Novas publícanse nun libro, co mesmo título, que incorpora, ademais, un cedé con moitos deses textos lidos polos seus propios autores., conformando un valioso arquivo sonoro.
No libro están Antía Otero, María Lado, Lucía Novas, María do Cebreiro, Elvira Riveiro, Alberte Momán, Francisco Castro, Rosa Aneiros, Inma López Silva, Rosa Enríquez, Marica Campo, Estíbaliz Espinosa, Diego Ameixeiras, Rafa Villar, Arsenio Iglesias, Lucía Aldao, Mario Regueira, Samuel Solleiro, Xiana Arias, Oriana Méndez, Leo F. Campos, Daniel Salgado, Olga Novo, Lorena Souto, Yolanda López, Olalla Cociña, Emma Pedreira..., e así até 51.