Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Corrente "socialista e galega"

Espazo Aberto: "Unha nova oportunidade"

Impulsado por destacados membros do que foi o núcleo de Esquerda Nacionalista, o colectivo promove un novo partido dentro do BNG.

Redacción - 09:10 07/04/2008
Tags:

"Espazo Aberto" é de momento a denominación que a nova corrente asume cara a convocatoria da próxima asemblea a celebrar o 10 de maio. Trátase dunha ambiciosa iniciativa así bautizada en tanto que, segundo explican os seus impulsores, é deseñada coa meta de artellar "un espazo aberto e unificador do socialismo democrático galego, leal e construtivo co BNG". Salientan tamén a oportunidade de poñer en marcha un instrumento que, desde esa perspectiva, contribúa a "un novo modo de interpretar a realidade da nosa nación".

Antonio Oca, actual director xeral de Produción, Industria e Calidade Agroalimentaria; Xoán Carlos Bascuas, delegado provincial na Coruña da Consellaría de Vivenda e Solo, e Charo Fernández Velho, responsábel Nacional de Acción Feminista do BNG, son algúns dos seus referentes públicos máis coñecidos. Destaca ademais a activa mobilización de Esquerda Nacionalista-Mocidade, con Paulo Carlos López á fronte desde o pasado mes de outubro. De feito, EN-Mocidade xuntou a pasada fin de semana medio cento de militantes nas xornadas de formación celebradas en Betanzos, nunha reunión que serviu de punto de inflexión no traballo cara a convocatoria de maio próximo. O colectivo conta ademais con importantes apoios a nivel comarcal e cavila chegar á cita de maio sumando xa unha significativa representación do espazo ideolóxico onde aspira a consolidarse a medio prazo.

En favor do diálogo interno e a construción de "novas pontes" coa sociedade
Segundo puido saber Vieiros, o proxecto nace da convicción da necesidade "novas ferramentas" que garantan "a expresión dentro do BNG", respondendo ao que os seus impulsores consideran que é o reclamo "dunha nova oportunidade" no ámbito do "socialismo democrático galego". Cara a ese desafío, desde Espazo Aberto prometen propostas que lle acheguen ao nacionalismo "novas formas, novas mensaxes e novos métodos". Ao fío, subliñan a necesidade de que o modelo frentista do Bloque sexa interpretado "como xeito de garantir a pluralidade" e como a "expresión da riqueza ideolóxica do BNG".


4,25/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: