Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FÍSICA DO IMPOSÍBEL

A invisibilidade será posíbel este século

O científico Michio Kaku explica nun libro canto tempo tardarán en ser realidade algunhas das tecnoloxías que actualmente son ciencia-ficción.

Redacción - 11:00 12/04/2008

Un dos físicos teóricos máis recoñecidos do mundo, Michio Kaku, da City University de Nova York, repasa no seu libro A física do imposíbel tecnoloxías que hoxe en día poden parecer ciencia-ficción, mais que se poden facer realidade este século. Descartou que se poida viaxar no tempo até dentro duns milenios, pero ve máis factíbeis a invisibilidade e a telepatía.

Un dos "inventos" máis recorrentes na ficción científica é o teletransporte. Parece ser que todo xurdiu cando Gene Roddenberry, creador de Star Trek, inventou unha solución para que os estudios Paramount aforrasen as caras escenas de aterraxe de naves espaciais. Segundo Kaku, "el dixo, 'transportámolos directamente ao planeta e aforramos unha chea de cartos'".

O certo é que o físicos xa poden facer teletransportes na actualidade. Por exemplo, un grupo de científicos conseguiu "desprazar" un fotón máis de 140 quilómetros entre as illas da Palma e Tenerife. Pero Kaku dálle ao capitán Kirk un par de séculos: "Non se está a mover realmente os fotóns dun lado ao outro porque estás a destruír o orixinal. O que se materializa ao outro lado é un 'xemelgo' que ten toda a información do obxecto anterior".

Stephen Hawking dedicou boa parte da súa carreira a probar que as viaxes no tempo son imposíbeis. Se fosen posíbeis, razoou, por que non nos visitaron aínda viaxeiros do futuro? Pero ao final concluíu que non hai ningunha lei da física que impida saltar no tempo. Kaku di: "Cambiou de idea hai uns dez anos. Non hai xeito de prohibir as viaxes no tempo, así que agora di que son posíbeis, pero non practicábeis".

Pero a tecnoloxía necesaria para crear un buraco entre un punto no espazo do tempo e outro precisaría "grandes cantidades dunha forma exótica de enerxía chamada enerxía negativa", que se pode "crear no laboratorio", di Kaku. Explica que non atopasemos viaxeiros do futuro é porque se poden facer invisíbeis: "A invisibilidade ao estilo da capa de Harry Potter xa non está fóra de cuestión", asegura. re que este tipo de tecnoloxía é a que está máis próxima. Unha substancia denominada metamaterial poderá eliminar os reflexos e as sombras, facendo un obxecto invisíbel.

Tamén cre que en cuestión de décadas poderase contactar con vida extraterrestre. Até agora "só rastrexamos unhas mil estrelas e iso non é nada. Nin sequera miramos nas estrelas da nosa veciñanza", dixo Kaku. Os satélites mellorarán a capacidade dos científicos de detectar planetas semellantes á Terra.

Pero Kaku ve máis difícil a capacidade de predicir o futuro, moi difícil de poñer de acordo coas leis físicas coñecidas. Pero, para el, o imposíbel leva máis tempo. O físico divide as imposibilidades en tres grupos: un primeiro, de cousas imposíbeis hoxe, pero que non violan as leis da Física, e que se poderán facer realidade este século ou o seguinte: campos de forza, invisibilidade, fásers e estrelas da morte, teletransporte, telepatía, psicoquinese, robots, ovnis e alieníxenas, naves espaciais, antimateria e antiuniversos.

Nunha segunda categoría estarían as tecnoloxías no bordo do noso coñecemento e do mundo físico, e que se poderán realizar en miles ou millóns de anos no futuro: viaxe a máis velocidade da luz, viaxe no tempo, universos paralelos. Por último, clasifica as tecnoloxías que violan as leis físicas coñecidas: igual chegan a ser posíbeis, pero representarían un cambio fundamental no noso xeito de entender a Física, como máquinas de movemento perpetou ou a precognición.


3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: