Acepta que unha empresa polaca teña traballadores en Alemaña pagándolle salarios polacos no canto de salarios alemáns.
O caso xorde na Baixa Saxonia, onde unha empresa do sector da construción con sede en Polonia realizaba diversos servizos para o propio estado federado. A administración decidiu rescindirlle o contrato ao detectar que a empresa desprazaba traballadores polacos aos que lles pagaba salarios medios do país de orixe, apenas o 47% do convenio colectivo aplicábel en Alemaña.
O preito seguinte remata agora coa decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de fallar en favor da empresa, indicando ademais que non se podería obrigarlle a unha empresa doutro Estado membro a fixar salarios acordes co país onde ofreza os seus servizos. Segundo o tribunal, trataríase dunha "restrición indebida" da libre circulación de servizos.
A ameaza da directiva Bolkestein faise real
A teima en derrubar os marcos lexislativos que obstaculizarían este tipo de prácticas foi levada hai pouco tempo ao Europarlamento, onde o Partido Popular Europeo turrou duro para tratar de aprobar unha iniciativa lexislativa que estabelecese a libre circulación de servizos en toda a UE. A forte mobilización cidadá e a presión sindical conseguiron daquela frear unha ameaza que atacaba directamente os dereitos dos traballadores en beneficio dos baixos salarios.
A sentenza agora coñecida implica que, malia o fracaso da bautizada directiva Bolkestein, na práctica o Tribunal Europeo ofrécelle a súa beizón a este tipo de procederes empresariais. Deste xeito, unha empresa coa súa sede social nun Estado con salarios reducidos poderá competir en vantaxe noutros países a costa dos baixos soldos aplicados aos traballadores desprazados desde o lugar de orixe.