'Camiños da fin da terra' fíxose co galardón, nunha noite na que o 'Canto de andar' de Bieito Romero foi elixida mellor canción en galego.
Os artistas e grupos galegos tiñan unha gran representación na XII edición dos Premios da Música, que este xoves entregou en Valladolid a Academia das Artes e das Ciencias. Había oito candidatos, aínda que finalmente os premiados quedaron en tres: Luz Casal que obtivo o premio á mellor canción do ano con Soy, Bieito Romero que na categoría de mellor canción en galego derrotou a Mercedes Peón (Aiché) e a Budiño e Xoel López (Ollos de auga), e sobre todo Luar na Lubre, que se converteu no protagonista galego da noite ao gañar o galardón ao 'mellor álbum de música tradicional' con Camiños da fin da terra.
Non foi, en cambio, a noite de Deluxe, que optaba ao premio ao mellor álbum de pop alternativo; nin a de Triángulo de Amor Bizarro, que co seu homónimo disco de debut eran candidatos ao de mellor álbum de rock alternativo. Tampouco gañou Baldo Martínez o premio do mellor disco de jazz, ao que optaba con Projecto Miño; nin Carlos Núñez, que con Cinema do mar, aspiraba ao de mellor disco de fusión.
É a sétima vez que Luar na Lubre obtén un galardón nos premios entregados pola Academia da Música. En 1998 gañou o premio á 'mellor canción noutros xéneros musicais' por Tu Gitana; e na edición do 2000 o de 'mellor canción en galego' con Chove en Santiago, unha edición na que Cabo do Mundo foi elixido 'mellor disco de novas músicas'; o cuarto galardón obtido polo grupo chegou en 2002, cando se fixo co de 'mellor álbum en galego' polo seu disco de XV Aniversario; e o quinto ao ano seguinte, cando Devanceiros se fixo co premio á 'mellor canción en galego'. Finalmente, o seu sexto galardón é de 2005, de novo o de 'mellor canción en galego' con Hai un paraíso. Con todo, até o momento tan só Carlos Núñez trouxera para Galiza o premio ao mellor álbum de música tradicional do Estado con Carlos Núñez y amigos, en 2005