Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Concurso de declaracións de amor

"Porque non cho dixen no seu momento: Quérote"

O Consello da Xuventude desafía a organizar no e-mail eses sentimentos seica tan complicados de expoñer. Dille que lle queres en linguadeamor.eu.

Redacción - 14:00 03/04/2008

Dinamizar a lingua entre a mocidade e aproveitar os espazos de comunicación que prenderon con forza no cotiá dos máis novos, desde os correos electrónicos até os chats, é obxectivo fundamental da iniciativa que un ano máis pon en marcha o Consello da Xuventude de Galicia, segundo explicou este mércores a presidenta da entidade, María Dolores Rodríguez Amoroso.

Xa que logo, o CXG convida a mozas e mozos a enviaren declaracións de amor a través do correo electrónico e ofrecen gorentosos premios para as mellores propostas.

Éxito na primeira edición
O galego é lingua de amor.

Sábeo ben por exemplo Rebeca Silva, que hai un ano gañou a primeira edición do certame que agora convoca de novo o Consello da Xuventude, concentrando emocións neste breve texto: "Polos zumes de laranxa e pomelo que me fas cada mañá. Por deixarme que poña a Morrissey 26 horas ó día. Por non te rires da miña manía de poñer sempre o mesmo calcetín no mesmo pé. Por aturar as miñas arroutadas cun sorriso. Polos bicos que curan a resaca. Por seres o que máis me gusta de min. Porque non cho dixen no seu momento. Quérote". Máis breve aínda, pero non menos brillante fora daquela Teresa Villanueva, quen resumiu: "Deixou de gustarme o singular porque xa non quero ser EU quero ser NÓS", facéndose así co segundo premio.

Os que aspiren a veren as súas palabras así publicadas e de paso levar un premio, xa poden entrar no espazo LinguadeAmor.eu e deixaren as súas propostas.

As bases
Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina web www.linguadeamor.eu e enviar unha declaración de amor en galego (máximo 350 caracteres). A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.

Nesta edición estabelécense, como novidade, dúas categorías de idade (de 14 a 19 anos e de 20 a 30). En canto aos premios, haberá tres por cada unha das categorías:

Categoría A:
1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego
DVD portátil + un lote de libros en galego
MP3 + un lote de libros en galego

Categoría B:
1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego
2º Ordenador portátil + un lote de libros en galego
3º TV LCD 19” + un lote de libros en galego

Ademais, os 200 primeiros/as participantes recibirán un agasallo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: