Ésta declaración é tamén, por outra parte, un acto de xustiza co meio ambiente e con todo o patrimonio natural da comarca. Como ben recoñecía o Sr. Presidente da Xunta este patrimonio natural, con todo o seu enorme potencial económico, está hoxe declarado, pola súa riqueza en biodiversidade e polas súas paisaxes, Reserva da Biosfera e está incluído na Rede Natura e en trámites de ser declarado parque natural. Nunha Galiza que xa tén sacrificado os seus millores vales a favor exclusivamente do negocio hidroeléctrico en un río Navia que xa conta con tres encoros máis augas abaixo do Suarna (encoros de Grandas de Salime, de Doiras e de Arbón) de ningunha maneira estaría xustificado un novo encoro, sobre todo dende a perspectiva desa nova politica hidráulica anunciada polo Ministerio de Medio Ambiente (de priorizar o aforro do recurso, de millora a súa calidade e protexer os ecosistemas fluviais) e que o Parlamento Galego ten aprobado en Febreiro do 2006 votando a favor da iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos.
En coerencia co este compromiso expresado polo Sr. Touriño, dende ADEGA esperamos que tamén dende o Governo Galego se apoie a solicitude do Concello de Navia e dos concellos de Ibias e A Fonsagrada de instar a caducidade desta concesión, para acabar dunha vez con esta amenaza permanente dos encoros sobre os veciños e veciñas da comarca. Para ADEGA, o mesmo que para todos os veciños da comarca, os dereitos que a Empresa Saltos del Navia poidera ter sobre o aproveitamento hidroeléctrico do río Navia non poden ser indefinidos nen poden deixar de adaptarse ás prioridades ambientais e sociais do momento actual.
Por último, dende ADEGA queremos recordar que o mesmo Parlamento de Galicia, en sesión do 24 de Xuño do 1.994 (BOPG de 2/6/1.994), -despóis de ratificarse na oposición á construcción do Gran Suarna e de instar á Xunta de Galicia a que, no uso das súas competencias en materia de medio ambiente, viñese a impedir a súa construcción-, instaba tamén ao Governo Galego a elaborar un Plan concreto de inversións que, cando menos en parte, viñese a compensar á esta comarca dos Ancares do atraso socio-económico producido por esta permanente amenaza do encoro. É de xustiza reiterar tamén hoxe esta petición, no sentido de poñer en valor, de forma ambientalmente sustentábel, todas as potencialidades do patrimonio e os recursos naturais desta comarca dos Ancares.