Tres ouros, tres pratas e catros bronces completan o medalleiro de Galiza nesta competición internacional. Ademais, esta fin de semana tamén se conseguiron 28 medallas en Arrigorriaga.
A selección galega de Técnica conseguiu dez medallas na Copa de Francia que se desenvolveu esta fin de semana.
Os e as galegas conquistaron tres ouros, tres pratas e catro bronces, ademais de tres cuartos postos e cinco quintos nunha competición na que participaron máis de medio milleiro de taekwondistas de Alemaña, Francia, Dinamarca, Holanda, Gran Bretaña e Madagascar; ademais das seleccións de técnica de Navarra, Madrid e Galiza.
O trío masculino do clube Kiap de Vigo, composto por José T. López, Oscar A. Rey e Francisco Penín conseguiu o ouro. A prata foi para a parella co clube Tao-Clínica Luis Vilas de Vigo, composta polos actuais subcampións de Europa, Samuel Meilán e Nerea Alamancos. Outra prata foi para Santiago Rguez. do clube Tao-Clinica Luis Vilas de Vigo, na categoría Máster. E os bronces foron, en categoría Máster, para Encarna Quintela (clube Garrapucho da Coruña) e para o trío feminino do clube Kiap de Vigo, integrado por Andrea Otero, Laura Bautista e Verónica Dasilva.
Máis medallas para os galegos no Open de Arrigorriaga
A expedición galega, formada pola selección cadete e os equipos dos clubes Natural Sport de Ribeira, Garrapucho da Coruña, Patiño de Moaña e Kwon de Betanzos, conseguiu catro ouros, seis pratas e dezaoito bronces no Open de Arrigorriaga.
O campionato, no que participaban ademais de Galiza, a seleccións de Navarra, Castela a Mancha, Castela e León, Canarias, Cantabria, e a Rioxa; así coma a Selección de Alemaña e varios clubes de Euskadi, Ponferrada e Valencia, terminou cuns destacábeis resultados para os galegos: vinteoito medallas.