As asociacións lévanlles os computadores gratuitamente a usuarios con mobilidade limitada.
As fundacións Cibervoluntarios e Bip-Bip puxeron en marcha a iniciativa Equíp@te, que pretende rematar coas barreiras que impiden que as persoas con discapacidade se introduzan na sociedade da información. A idea é achegarlles a todos estes usuarios novas perspectivas e oportunidades das novas tecnoloxías para conseguir a súa integración social e mellorar a súa calidade de vida.
O programa empeza captando equipos informáticos excedentes das empresas, a partir de Pentium III, poñendo a punto o seu hardware e instalando software legal doado por Microsoft, Sun ou ben software libre, segundo a petición dos beneficiarios, que poden dispoñer así de computadores listos para navegar pola internet. Ademais, contribúese á reciclaxe dos aparellos.
Despois, os equipos cédense de balde ás persoas con discapacidade física ou de mobilidade, ás que se lles efectúa un seguimento individual por parte de voluntarios sobre o seu uso, e que servirá de referencia para o desenvolvemento futuro do proxecto. Poden participar todas as persoas con discapacidade física superior ao 45% mobilidade reducida a través da entidade á que pertenzan. O prazo remata o 15 de abril.
Cibervoluntarios é unha entidade sen ánimo de lucro que pretende usar as Novas Tecnoloxías como un medio para solucionar problemas sociais. Traballa para reducir a fenda dixital e fomentar o acceso á sociedade do coñecemento para todas as persoas por igual. A iniciativa lévase a cabo coa axuda do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.