Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MACHINA, BANDA DE METAL

"Por que hai tanto rock en Cerceda? Pois debe ser cousa de Meirama"

Publican 'Acouga', encabezado polo single 'Quéimame', do que presentan mesmo un vídeo musical.

Marcos S. Pérez - 09:30 29/03/2008

Machina xa ten disco. Despois de cinco anos de concertos, numerosos cambios de integrantes do grupo (de feito o único que permanece dende o comezo é Gonzalo, guitarrista), a banda de metal de Cerceda publica un ep con cinco cancións, autoeditado, e que eles mesmos están distribuíndo por todo o país, principalmente a través dos centros sociais. As cinco cancións son Acouga (que lle dá título ao álbum), Apocalipse, Quéimame, Virarei (unha particular versión do Xirarei de Xil Ríos, que xa presentaran ao A Polo Ghit'07) e Aquí estou. O 19 de marzo presentaron o disco en Carral cun concerto na Sala de Estar, onde venderon ao redor de cen copias do ep.

Quéimame



Preséntanse mesmo cun vídeoclip, caseiro, pero videoclip ao cabo, e cunha longa lista de concertos na axenda dos vindeiros meses. Anxo, o baixista do grupo, presenta o que Machina ten por diante.

Despois de tantos cambios no grupo, a formación actual é a definitiva?
En principio é estábel. Levamos xa dous anos con esta formación, dando concertos e gravando o ep. Sempre que houbo cambios no grupo, foi porque a xente tiña que abandonalo por motivos persoais. Todas as persoas que pasaron por Machina somos amigos de toda a vida, e seguimos sendo un grupo de amigos.

Custa traballo saír adiante como grupo?
Custa porque non tes medios e porque tes que currar moito. Pero mira, custa máis cando xa levas un tempo e vas un pouco máis en serio. Porque cando empezas e es moi novo, non tes en conta os contras, e para ti saír tocar fóra de Cerceda xa é algo espectacular. Despois, cando tes metas máis altas, xa comezas a ver as dificultades.

Para o grupo foi importante gañar o CampusSons no 2005, ou non?

Eu aínda non estaba no grupo, pero a verdade é que non repercutiu todo o que podería ter feito. Porque o premio era gravar un disco en Lugo, coa xente de SonsGaliza, e xusto nese momento marcharon tres persoas do grupo, e non se puido gravar. O único foi que gañar o premio fixo que o grupo fose máis coñecido en todo o país.

O traballo ten un son algo diferente ao acostumado. Ides buscando un estilo no que estades cómodos, orixinal?
Si, o que pasa é que no grupo cada un de nós vén de estilos moi diferentes, e iso é moi bo, porque enriquece o son da banda. Martín, o cantante, vén do rap, Ángel e Gonzalo son máis de metal e eu, por exemplo, o meu grupo favorito é Sigur Ros. Facemos un traballo colectivo, entre todos, e na nosa música están presentes estas influencias.

E que pasa en Cerceda para que continuamente saian grupos de rock: Zënzar, Presencia Zero, vós...?
Por que hai tanto rock en Cerceda? Pois non sei, diríache que é cousa das transmutacións xenéticas que provoca Meirama... Non, supoño que inflúe o festival de rock que se fai todos os anos aquí, e que foi dos primeiros de Galiza. E tamén que haxa un grupo tan potente como Zënzar, que leva vinte anos aí. Hai moita xente, eu mesmo, que levamos indo aos seus concertos dende que eramos cativos, e iso marcounos moito. E logo que ao ir habendo grupos, os máis veteranos déixanlles os equipos aos máis novos, e danlles apoio. E son os medios e o apoio que hai, non os que dá o concello, claro está, que non dá nada.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: