Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECLARARÁ UN REPRESENTANTE DE ABS

Admitida a querela de Nunca Máis contra a empresa que revisou o 'Prestige'

O xulgado de Corcubión encargado do caso considera que a firma puido ser neglixente nas súas inspeccións.

Redacción - 18:30 25/03/2008

A xuíza de Corcubión encargada do caso Prestige, Carmen Veiras, admitiu a trámite a querela presentada por Nunca Máis contra a sociedade estadounidense ABS, por considerar que as inspeccións que efectuou no petroleiro puideron ser neglixentes e constitutivas de delito.

O auto da xuíza, do que se fai eco La Voz de Galicia, recoñece a dificultade de imputar persoas xurídicas, polo que chama a declarar como imputado o representante legal de ABS, como solicitaron os avogados de Nunca Máis, aínda que non até o 10 de setembro.

Paralelamente, o Estado Español mantén un pleito civil nos EUA e está pendente dun recurso contra a inhibición do tribunal no caso. A xuíza admite a querela por considerar que ABS "foi a encargada de levar a cabo as inspeccións periódicas obrigatorias" e "autorizou a navegación do buque".

Carmen Veiras tamén solicita case todas as probas que pediu Nunca Máis: as actas das inspeccións de 2001 e 2002, a identidade dos inspectores que as realizaron, o organigrama e a estrutura da sociedade, os seus órganos de representación e de dirección.

Reacción de Nunca Máis
O voceiro da plataforma, Rafael Villar, cualificou a nova de "paso positivo", a pesar da lentitude do proceso xudicial. Para Villar, a vía abriuna o xuízo polo afundimento do Erika, en decembro de 1999, que procesou a sociedade de certificación daquel petroleiro. Porén, o representante de Nunca Máis coida que a sentenza aínda tardará e que non se producirá este ano.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: