O secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, recibe este mércores ao nacionalista Francisco Jorquera.
O deputado electo do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, comezará este mércores as negociacións con Xosé Blanco, secretario de Organización do PSOE. O socialista prosegue así os contactos cos grupos políticos para lograr que Rodríguez Zapatero teña suficientes apoios para a súa investidura como presidente, logo de que este martes se reunise con representantes de CiU e PNV. No Bloque confían en que os dous parlamentarios nacionalistas sirvan para forzar unha negociación co PSOE: “Nós cremos que imos estar en todas as quinielas”.
Pero cales son as bazas que vai pór enriba da mesa Jorquera? As principais peticións dos nacionalistas a un goberno de Zapatero pasan por compromisos concretos en materia de investimentos, en aumentar os cartos destinados a materia social e o desbloqueo da “conomía produtiva”. Segundo fontes nacionalistas consultadas por Vieiros, vai ser decisivo que o PSOE mostre cambios na súa postura acerca do naval e do sector leiteiro. Outro dos asuntos que lle vai demandar Jorquera a Blanco é que se dean pasos para a reforma do voto emigrante.