A Axencia Audiovisual Galega e Amal levarán a cinematografía árabe a 150 municipios galegos.
Tras os ciclos de telefilmes e de documentais galegos, os Cinemas Dixitais organizados pola Axencia Audiovisual Galega (AAG) abren miras e pousan a súa ollada no cinema árabe. En colaboración co Festival Internacional de cine Euro-Árabe Amal, o programa levará aos 150 concellos participantes a proxección de cinco longametraxes e de outras cinco curtametraxes chegadas de países como Líbano, Exipto ou Palestina.
A través deste ciclo, a AAG e Amal queren abrir os ollos dos espectadores galegos a outras realidades, para comprender mellor as características das culturas árabes. O ciclo ofrece un variado programa coa proxección de filmes chegados de Líbano, Exipto, Alxeria, Francia, Tunicia e Palestina, todos eles en versión orixinal subtitulados ao galego. Entre os que se atopan filmes de recoñecido éxito como En coche até Zigzigland; Dunia; Cinto de Lume; Sombras na noite e Máis alá do muro. Tamén se proxectarán as curtas A erguerse; Damos unha volta; Un conto de Sheherezade; Aos mozos non lles gustan as vacas e O outono.
O cinema nas vilas
Co fin de achegar o cinema aos concellos galegos, a Axencia Audiovisual Galega arrancou en outubro de 2007 cun ciclo dedicado a telefilmes galegos acadando preto de 25.000 espectadores. O mes seguinte achegou o público aos documentais do noso país. Neste terceiro ciclo, escolleuse o cinema árabe para abrir o programa ao cinema internacional, co fin de dar a coñecer esta cinematografía pouco coñecida en Galiza.