A inflación subiu até un 4,4% respecto do ano pasado, a taxa máis alta dende novembro de 1995.
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) incrementouse un 0,1 por cento en Galiza o pasado mes de febreiro, respecto do mes anterior. Mais, no que vai de ano, o IPC caeu un 0,8 por cento, situándose a inflación interanual no 4,4 por cento.
Seguen a subir os prezos en Galiza
Os prezos subiron, en xeral, no noso país no mes pasado. De feito, os prezos dos produtos alimentarios chegaron ao 6,7 por cento respecto do ano pasado por estas datas (mais esta cifra reduciuse en dúas décimas respecto do mes de xaneiro). Os prezos dos transportes subiron un 7,3 por cento; e a vivenda tamén subiu, no seu caso un 6,4 por cento en relación a febreiro de 2007.
Os únicos prezos que baixaron significativamente no que vai de ano foron os do calzado e o vestido (baixaron un 14,0 por cento, debido, sobre todo, ás rebaixas) e o lecer e a cultura (que baixaron un 0,5%). E os únicos produtos que reduciron en Galiza o seu prezo considerabelmente dende febreiro do ano pasado son, outra vez, os relacionados co lecer e a cultura (baixaron medio punto nun ano) e os medicamentos (que baixaron un 1,5 por cento dende 2007).
No Estado Español
No conxunto do Estado Español, os prezos subiron un 0,2 por cento en febreiro, o duplo do que en Galiza, mais o IPC acumulado baixou, no que vai de ano, un 0,5 por cento, isto é, os prezo reducíronse dende xaneiro.
No Estado a inflación interanual tamén está no 4,4 por cento, como en Galiza, unha cifra que é a máis alta que se ten anotado dende novembro de 1995, todo segundo datos do INE (Instituto Nacional de Estadística español).
Os produtos que máis se encareceron no Estado foron as bebidas alcólicas e o tabaco (3,9%), o vestido e o calzado (0,8%) e outros bens e servizos (3,1%).