Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
O DÍA DESPOIS

As eleccións coméntanse nos blogs

Destácase o bipartidismo que domina a política estatal, o descenso de IU, a consolidación dos dous deputados do BNG, e os descenso dos populares en Galiza.

Redacción - 13:00 10/03/2008

Extensa é a análise de Manuel Bragado, que comeza expresando o seu "alivio" pola derrota "da mentira, a crispación e o medo", para pasar a recoñecer a súa mágoa "pola polarización brutal dos resultados" e a súa decepción polos malos resultados dos partidos nacionalistas. En canto aos resultados galegos, salienta a vitoria global do bipartito, e o descenso do PPdeG, e amosa a súa preocupación polos resultados do BNG nas cidades, onde "non consegue arrincar".

Nunha xornada na que (case) todos se declaran gañadores, Fran Alonso en Cabrafanada fai un repaso dos perdedores da noite, algúns "por fortuna": "A dereita intransixente, Rajoy, Acebes, Zaplana, Esperanza Aguirre, Galicia Bilingüe, a confrontación, a crispación..." e outros "lamentablemente": "O multipardismo, a pluralidade, o voto con criterio..."

Cartas desde Delfos salienta que En Galiza xógase a tres, en referencia ao resultado do BNG, que mantivo os seus escanos nun contexto xeralizado de bipartidismo en todo o Estado, algo que lamenta: "posiblemente a víctima máis importante sexa a democracia e en segundo lugar IU". O blogueiro lamenta a perda do grupo parlamentario de IU: "supón a desaparición da esquerda real española (...) Se IU quere espabilar debe pórse a traballar nas organizacións sociais e plataformas cidadáns porque co apoio dos medios nunca vai conta". Conclúe: "En Galiza xógase a tres, gústelle ou non a La Voz de Galicia, El Pais, Faro de Vigo".

Tamén se critica o bipartidismo da política estatal en Os oubeos do kan-Meijome, que comentando os resultados galegos salienta que "ó BNG semella que non lle foi tan mal" mais "si se miran de perto os resultados a perda de votos nas cidades -futuro demografico á alza- agás en Compostela se viu compensada por un cremento moderado nos núcleos medianos e pequenos que, demograficamente, teñen menos percorrido".

Noutros blogs tamén se comentan os resultados, como Adriana, que se felicita pola "victoria socialista", aínda que lamenta o descenso de IU; ou Compostela Solidaria, que salienta a vitoria de Zapatero e o descenso do PP en Galiza: "O PP de Galicia continúa a súa caída". Ou Cousas de Imeneo, que salienta que "Votamos como galegos". Finalmente, Que pasa na Costa analiza os resultados na Costa da Morte, e conclúe: "clara vitoria para o Partido Popular", destacando o triunfo popular mesmo en concellos gobernados por PSdeG-PSOE ou BNG.

Reflexións dos candidatos
Algúns dos candidatos tamén tiveron tempo para actualizar os seus blogs. Por exemplo Olaia Fernández, deputada do BNG por Pontevedra, que confesa que estivo "ata altas da medrugada de festa" nun bar das Travesas, celebrando o resultado. A número 1 dos nacionalistas por Pontevedra non oculta a súa alegría: "Hoxe aínda que non durmin moito estou vital, estou como se me sobrasen as enerxías. Esa sensación que tedes cando a pesar do cansanzo, do traballo descomunal, da tensión acumulada e da presión, as cousas saen ben e a alegría te pode. Pois así estou, feliz". Pola súa banda, o número 1 do PP pola Coruña, Antonio Erias, destaca no seu blgo que "Ahora empieza el duro trabajo y la ilusión (...) en las próximas elecciones que serán las gallegas".


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: