Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Galiza envía ao Congreso unha ducia de novos deputados

Só 11 dos candidatos que gañaron asento este 9M estiveran xa no Congreso anteriormente.

Europa Press - 10:30 10/03/2008
Tags:

Máis da metade dos 23 deputados galegos elixidos o 9M non estiveran na pasada lexislatura no Congreso. Así, só 11 dos parlamentarios que conseguiron asento repetirán na Cámara baixa. O PPdeG renova 6 dos seus 11 representantes, o PSdeG fai o propio con 5 dos seus 10 deputados e no BNG continúa Olaia Fernández Davila, mentres que Francisco Jorquera releva a Francisco Rodríguez.



Os deputados electos son:

A CORUÑA

PP:

Antonio Erias (Vigo, 1953) deu o salto á política en 1999, cando aspirou á Alcaldía da Coruña. Catedrático na Facultade de Económicas da Coruña, da que foi decana entre 1992 e 1999, foi vicepresidente da Deputación Provincial e voceiro municipal do PP ata 2003. Incorporouse por primeira vez ao Congreso en 2004.



Xerardo Conde Roa (Padrón, 1959) foi concelleiro en Santiago entre 1983 e 1991, deputado no Parlamento entre 1985 e 1997 e membro do Consello de Administración de RTVE. En 1987, foi candidato á Alcaldía compostelana e, tras perder os comicios, retirouse da política. En 2007, volveu optar á alcaldía da capital, onde exerce como voceiro da oposición.



Arsenio Fernández de Mesa (Ferrol, 1955) é enxeñeiro técnico naval, foi concelleiro de Ferrol entre 1983 e 1991 e tenente de alcalde entre 1987 e 1989. Deputado dende a IV Lexislatura, foi nomeado delegado de Goberno en Galicia no ano 2000, cargo que ocupou durante a catástrofe do Prestige.



Belén Do Campo (A Coruña, 1963) xa ocupou un escano no Congreso dende 1992 ata 1996. Dese ese ano, desenvolveu a súa actividade política no Senado, onde esta lexislatura foi nomeada voceira do PP na Comisión de Traballo e Asuntos Sociais.



PSOE:

César Antonio Molina (A Coruña, 1952). Licenciado en Dereito e Ciencias da Información. Foi profesor na Universidade Carlos III e durante quince anos traballou en Cambio 16 e Diario 16. En 2004 foi nomeado director do Instituto Cervantes e dende xullo do ano pasado era ministro de Cultura.



Carmen Marón (Samos, 1944) xa foi deputada nas tres últimas lexislaturas. Diplomada en Relacións Laborais e funcionaria da Administración de Xustiza, na actualidade é tenente de alcalde do Concello d'A Coruña.



Ceferino Díaz (Escairón, 1947) é licenciado en Ciencias Económicas e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela. Foi deputado no Parlamento durante quince anos e tamén estivo unha lexislatura no Congreso.



BNG: Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) é licenciado en Xeografía e Historia pola USC e trátase da primeira vez que concorre como candidato a uns comicios. Senador por designación autonómica entre 2005 e 2008, actualmente é o coordenador executivo do BNG, cargo que abandonará para asumir a portavocía nacionalista no Congreso.



LUGO

PP: Xaquín García Díez (Ferrol, 1954) estreouse en política en 1990 durante o primeiro goberno de Fraga como secretario xeral da Consellería de Agricultura. En 1991, desembarca na política municipal como tenente de alcalde en Lugo. Foi alcalde lugués entre 1995 e 1999. Tras unha paréntese, volve á política en 2001 e en 2004, é elixido deputado por Lugo no Congreso. Dende 2007, cando optou por segunda vez á alcaldía, lidera a oposición en Lugo.



Raquel Arias (Sober-Lugo, 1967) é licenciada en Ciencias da Información, traballou en diferentes medios de comunicación e levou o gabinete de prensa do Concello de Monforte. Entre 1999 e 2003 foi deputada provincial. Actualmente, é alcaldesa de Sober.



PSOE:

Xosé Blanco (Pas de Rei, 1962) inicia a súa cuarta lexislatura como deputado. Ingresou no PSOE en 1978, foi secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia e dende 2004 é secretario de organización do PSOE, onde forma parte do Comité Federal.



Margarida Pérez Herráiz (Lugo, 1955) é graduada social. Coa súa entrada no Congreso deberá deixar o seu escano no Parlamento, onde era membro das comisións de Sanidade e da de control á CRTVG, vicepresidente da de Economía e Facenda e voceiro do Grupo Socialista en materia de emprego.

OURENSE

PP: Celso Delgado (Ourense, 1958) comezou a súa traxectoria política nas autonómicas de 1997, cando encabezou a lista do PP por Ourense. Ocupou a vicepresidencia do Parlamento ata o ano 2000, cando abandona o escano para dar o salto á política nacional. Dende entón, é deputado no Congreso.

Xesús Vázquez Abad (Nuremberg-Alemania, 1967) é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, e decano da Facultade de Empresas e Turismo de Ourense dende 2006. A súa presenza na candidatura do PP é a súa estrea na política.



PSOE:

Elena Espinosa (Ourense, 1960) foi nesta lexislatura ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación. É licenciada en Ciencias Economómicas e Empresariais e foi Presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo con 28 anos. Tras pasar polo Instituto Galego de Medicina Técnica estivo na empresa Rodman Polyships.



Alberto Fidalgo (Monterrei, 1958). Médico de profesión, e diplomado en Dirección de Hospitais e en xestión xerencial hospitalaria. Xa foi deputado e tamén foi concelleiro no Concello de Ourense.



PONTEVEDRA

PP:

Ana Pastor (Cubillos del Pan-Zamora, 1957) é licenciada en Medicina, comezou a súa traxectoria na política da man de Mariano Rajoy e dirixiu o Ministerio de Sanidade cando José María Aznar ocupaba a Presidencia do Goberno. Na actualidade é responsable de Política Social do PP.

Xavier Guerra (Vigo, 1965) é concelleiro en Vigo. Foi director comercial da división de calzado de Nike para España e Portugal e conselleiro delegado da multinacional Skechers.



Nava Castro (Ponteareas-Pontevedra, 1969) foi deputada no Parlamento entre 1996 e 1999, ano no que dimitiu despois da expulsión do PP do seu pai, Xosé Castro, tras ser condenado por un caso de prevaricación sendo alcalde de Ponteareas. Fundou a Unión Condado de Paradanta pero en xaneiro de 2007 volve ás filas do PP.



PSOE:

Antón Louro (Carnota, 1952) é licenciado en Ciencias Químicas, aínda que a súa traxectoria está ligada á política e á cultura. Así, foi subdirector xeral de Cultura da Xunta e voceiro da comisión desta materia no Congreso, onde foi coordinador dos deputados socialistas galegos e vogal das comisións de Fomento e de estudio do problema de drogas.



Marta Estrada (Santa Isabel, Guinea Ecuatorial, 1960) é profesora de tecnoloxía no Instituto Rosales II de Vigo. Licenciada en Química, casada e nai de dous fillos, leva nove anos de militancia socialista.



Domingo Tabuyo (Pontevedra, 1959) o licenciado en Xeografía e Historia e profesor de secundaria en Cambados, onde é concelleiro. Tamén é poeta e narrador e membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.



BNG:

Olaia Fernádez Davila (Vigo, 1954) comezou a súa vinculación co nacionalismo no ámbito sindical. Deputada no Parlamento galego dende 1993 ata 2003, repite na Cámara Baixa, xa que foi elixida tamén nos comicios de 2004.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: