O municipio celebra esta fin de semana unha das citas gastronómicas máis importantes do país.
O municipio de Arzúa enxalza esta fin de semana o produto gastronómico que lle dá máis sona: o queixo Arzúa-Ulloa. Ás 16.30 horas deste sábado abrirá as súas portas o recinto feiral onde estarán presentes corenta queixerías. A partir dese momento a gastronomía e a cultura protagonizarán dous días repletos de actividades. E é que non só se vive de comida (os bares da localidade oferecerán tapas con queixo). Os que se acheguen até a vila poderán atopar un completo cartel con actividades que van dende exposicións fotográficas até demostracións grafiteiras.
Mais, sen dúbida, o prato forte para acompañar co queixo será outra vez a música. Este sábado actuará La Mala Rodríguez (Campo da Feira, 21.30 horas); Muchachito Bombo Infierno (23 horas, Campo da Feira); e Triángulo de Amor Bizarro (ás 01.30 na Praza da Vila). E o domingo tamén virá cargado de notas xa que a partir das 19 horas, na Praza da Vila, estarán Malvela e Pepe Vaamonde Grupo.
E en Chantada vai de viño
Tamén esta fin de semana se celebra outra das citas festeiras con máis sona do país: a Feira do Viño de Chantada. Os adegueiros da zona van poñer á venda 25 mil botellas de viño, a un prezo mínimo de cinco euros. A organización agarda que entre o sábado e o domingo visiten o municipio arredor de 50 mil persoas.