Hase xogar o vindeiro 24 de maio. O mesmo día tamén xoga a selección valenciana, pero aínda non se sabe contra quen.
A Federación Española de Fútbol autorizou esta quinta feira, finalmente, o partido entre Cataluña e Arxentina, que se ha xogar o 24 de maio, seguramente no Camp Nou.
A Federación Catalá xa tiña comunicado en decembro do ano pasado o acordo ao que chegara con Arxentina para disputar este encontro, mais a española non tocou o tema até esta semana. O presidente da federación Catalá, Joan Gaspart, salientou, en conferencia de prensa, que a persoa decisiva para que se podía xogar este partido fora Joan Laporta, o presidente do Barça.
Esta quinta feira tamén se confirmou que a selección valenciana vai xogar o mesmo día, o 24 de maio, mais non se sabe aínda contra que outra selección. Os valencianos non puideron xogar en decembro, como moitas das seleccións nacionais, porque Canal 9 non pagou polos dereitos televisivos.
E Galiza... ha xogar en maio?
Hai semanas correra un ruxerruxe pola rede e en varios medios de comunicación galegos sobre a posibilidade de que Galiza xogase un outro partido este ano, alén do tradicional partido do Nadal. Dábase até unha posíbel data, o 29 de maio.
Pero a cousa non é moi factíbel, e polo menos este ano o partido non se vai xogar. Segundo a Dirección Xeral para o Deporte, xa dende o ano da creación da irmandiña do fútbol campo se tentou facer un partido en primavera e outro no inverno, pero o de primavera sempre coincide coa recta final da liga (en primeira e en segunda, categorías ás que pertencen os clubes nos que xogan os seleccionados por Galiza), e moitos dos equipos néganse a ceder aos seus xogadores, porque non poden prescindir deles xusto no momento no que se xogan os ascensos, os descensos e as permanencias.