Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BALANCE DA FEIRA DO LIBRO DA HABANA

Un antes e un despois para a cultura galega

As institucións e creadores cualifican de éxito a participación de Galiza, cun orzamento final de 1.3 millóns de euros.

Marcos S. Pérez - 15:00 27/02/2008

A cultura galega realizou este mércores o seu balance sobre a participación de Galiza na Feira do Libro da Habana, cualificada de "fito histórico" e de "éxito". Responderon tamén deste xeito ás críticas que na última semana recibira a delegación cultural galega, críticas que atribuíron á ignorancia e ao descoñecemento da realidade, así como ao clima preelectoral.

No balance repetiuse, sobre todo, o concepto da proxección internacional da cultura galega; "transmitiuse a imaxe dunha cultura viva, puxante e vigorosa", en palabras de Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural. Pola súa banda, Ánxela Bugallo lembrou que nunca na historia se traballara na promoción exterior, como por exemplo a Generalitat de Cataluña leva facendo case trinta anos, e que polo tanto constitúe un "éxito" que Galiza despois de tan só dous anos de traballo fose convidada de honra nunha feira internacional. A Habana constitúe a porta de entrada para a cultura galega en América Latina, representa o primeiro paso que se dá a gran nivel, e significa un investimento cultural estratéxico.

Na Habana participaron 32 países, 81 expositores internacionais (entre eles os stands das feiras de Guadalaxara e Fráncfort) e medios de comunicación globais, como as tres principais axencias internacionais (Associated Press, Reuters e France Press) e televisións como CNN, BBC ou a ZDF. Polo pavillón de Galiza, en concreto, pasaron duascentas mil persoas.

Nos dous últimos anos a música galega estivo no Popkomm, no Midem e no Womex; a banda deseñada viaxou a Angouleme; as artes plásticas tiveron unha notábel representación na Bienal de Venecia; e as letras galegas foron protagonistas en Fráncfort, Boloña e Guadalaxara. Precisamente a feira mexicana volverá ser en 2008 un dos grandes obxectivos da proxección internacional galega, coa mirada posta no ano 2011, cando Galiza pode ser alí o país convidado. Terá ese recoñecemento este verán na Feira Marítima de Brest, que comezará en xullo.

"Con orgullo e sen xustificarnos"

Finalmente, o investimento de Galiza na Feira do Libro foi de 1.3 millóns de euros, algo máis da terceira parte da cantidade presupostada nos orzamentos de 2008 para a proxección cultural internacional. Como referencia, cando en 2006 Andalucía foi a cultura convidada na mexicana Feira do Libro de Guadalaxara investiu tres millóns de euros, e no 2007 Cataluña gastou 11.5 millóns na Feira do Libro de Fráncfort. Nestas últimas semanas, o Partido Popular e certos medios de comunicación xeraron unha polémica sobre o gasto da administración galega en Cuba.

Ánxela Bugallo respondeu a esas críticas que "investiremos aínda máis no futuro", porque a cultura galega "acaba de demostrar que cando sae fóra acada o éxito internacional". Así mesmo, Bugallo afirmou que "fomos a Cuba con orgullo e sen ter que xustificarnos por nada". E concluíu: "despois de que durante décadas os galegos saísen fóra para escapar da miseria, despois de que durante décadas tivesen que saír fóra para fuxir da represión, e despois de que durante anos outros (referíase aquí aos sucesivos gobernos de Manuel Fraga) viaxasen a América, tamén a Cuba, con obxectivos que non eran a promoción da cultura galega".

Apoio dos creadores e axentes culturais

A cultura galega apoiou en bloque á xestión realizada pola Consellaría. Na presentación do balance na presenza galega da Feira Internacional do Libro da Habana estiveron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, Alfonso García, presidente da Asociación Galega de Editores, Elías Torres, vicerreitor da USC, Cesáreo Sánchez, presidente da Asociaicón de Escritores en Lingua Galega. E moitos outros: Víctor Freixanes, Uxía Senlle, Miguelanxo Prado, Narf, Xosé Neira Vilas, Miguel Anxo Fernán-Vello, Teresa Moure, Aurora Marco, Marilar Aleixandre ou Aurora Marco.

Para Ramón Villares a presenza de Galiza en Cuba foi un signo de normalidade e madurez, así como un fito histórico. O presidente do Consello da Cultura Galega quixo lembrar que "alén das polémicas provocadas" hai que ter claro que "non só ten que haber creación cultural, senón que tamén se necesita ser visto e ser recoñecido". Pola súa banda, Alfonso García, presidente da Asociación de Editores, amosou o seu anoxo polas críticas do PP e dalgúns medios de comunicación, "con orixe na campaña electoral e baseadas no descoñecemento e a ignorancia". Ademais, reclamou que a administración autonómica apoie as industrias culturais galegas no seu crecemento no exterior, do mesmo xeito que apoia outras industrias do país.

Mentres, Miguelanxo Prado reclamou as creacións culturais como patrimonio nacional. De igual xeito, lembrou a necesidade de abrir os mercados do exterior para asegurar a supervivencia da cultura galega, que non pode operar unicamente con dous millóns e medio de consumidores.


4,45/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: