Álvaro Contreras gañou o ouro en Heptatlón, e Rocío Rodríguez en 1.500 metros, o bronce.
Álvaro Contreras, do Real Club Celta de Atletismo, conseguiu o ouro tras as cinco probas de Heptatlón cos seus 5.737 puntos. Despois de gañar a medalla o atleta galego dixo que se atopaba algo amolado "porque podía ter superado os 5.800 puntos e facer marca persoal, pero fallei nos 1.000 metros, a miña mellor proba. Non me recuperei ben na pértega e atopeime bastante canso durante a carreira. Unha pena".
A outra medalla, a de bronce, foi para Rocío Rodríguez Longa, que entrou de terceira nos 1.500 metros. A atleta galega do Alacante entrou por detrás de Esther Desviat e Isabel Macías. Ao chegar á meta dixo que agardaba entrar terceira ou cuarta "pero Esther foi invencível. Estou un pouco desgustada porque cada ano hai menos competicións de pista cuberta, e non puiden conseguir unha boa marca esta tempada. A semana que vén vou comezar a preparar o Campionato Estatal de Clubes".
O Estatal en pista cuberta desenvolveuse esta fin de semana (sábado e domingo) xuntando máis de 400 atletas de todo o Estado no Palau Velòdrom Lluis Puig de Valencia. Ademais da loita polas medallas, a elite do atletismo estatal tiña posta a mente no Mundial en pista cuberta, que se ha desenvolver os días 7, 8 e 9 de marzo na mesma pista, e que ha outorgar varios pasaportes para as Olimpiadas.