Centos de veciños manifestáronse na capital do municipio para pedir que se varíe un trazado que tamén arrampla con varias casas.
Os veciños do municipio de Cambre volvéronse concentrar este sábado no Campo da Feira para mostrar o seu malestar co trazado do Tren de Alta Velocidade no municipio. Os afectados consideran que o proxecto do Ministerio de Fomento non é o idóneo. A infraestrutura pon en perigo o bosque que inspirou ao escritor Wenceslao Fernández Flórez, a Fraga de Cecebre, e convértese ademais nun auténtico crebacabezas para os veciños, xa que o tren pasaría por núcleos de poboación e incluso obrigaría a tirar algunhas casas.
Os manifestantes tamén consideran que o trazado da liña de alta velocidade traducirase na abolición da actual rede ferroviaria, o que porá en perigo a creación dun servizo de cercanías para a área metropolitana da Coruña, á que pertence o municipio de Cambre.