O incremento dos beneficios co leite tamén reducirá a cota de animais que chegaba até a industria da carne.
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega destacou este mércores que o balance do exercicio 2007 "tivo sombras, non todo foron luces", xa que os datos positivos do incremento dun 4% dos prezos en orixe e dun 6,5% da carne certificada víronse mitigados polos negativos do "forte incremento" das materias primas no segundo semestre do pasado ano.
Así o dixo o presidente da IXP Tenreira Galega, Xesús González Vázquez, quen admitiu unha diminución dos beneficios no sector por un incremento dun 30% do custo dos pensos, "que afectou de gran xeito" á rendibilidade dos gandeiros.
González relatou que, en consecuencia, o sector de carne vacún pasou dunha situación económica cunha marxe de rendibilidade no primeiro semestre de 2007 que "fomentaba a estabilidade" das explotacións e o "optimismo", a unha etapa de "inseguridade" pola caída dos beneficios, que xerou "desconfianza e preocupación polo futuro, que continúa aínda", segundo recoñeceu.
Precisou que este alza de prezos de materia prima chegou até o punto, non só de reducir beneficios, senón de xerar perdas nalgunhas explotacións. Con todo, para 2008 adiantou que se prevé unha "lixeira baixada", aínda que admitiu que a curto prazo non se espera que sexa ata os valores que existían antes do verán.
Por iso, resolveu que a solución radica en que as propias explotacións incrementen a súa produción propia de forraxe, cereais e silos para alimentar aos animais, unha medida que recoñeceu que é máis viábel para as explotacións tradicionais.
O presidente da IXP Tenreira Galega rexeitou como solución un incremento no valor que paga o consumidor, ao argumentar que a subida no punto de venda nun sector "tan competitivo" podería provocar unha baixada de consumo desta carne e a súa substitución por outro tipo de produtos cárnicos ou de alimentos.