Este domingo dispútase a derradeira etapa, na que o clube galego podería certificar o seu primeiro éxito da tempada.
O ciclista do Karpin Galicia Gustavo César Veloso aferrouse ao terceiro posto na clasificación xeral na etapa raíña do Tour de Langkawi: Temerloh - Bukit Fraser, de 127 quilómetros que se adxudicou en solitario Filippo Savini (CSF Group - Navigare). O ciclista galego foi sétimo na etapa e, a falta da última xornada, atópase a 29 segundos do liderado, que ostenta o veterano moldavo Ruslan Ivanov (Serramenti PVC), e a 3 da segunda posición, que ocupa o francés Matthieu Sprick (Bouygues Telecom). Por detrás a ameaza chámase, Jeremy Yates, un neocelandés con ampla experiencia europea, distanciado da terceira praza en 4 segundos.
A última etapa disputarase sobre 12 voltas a un circuíto urbano en Kuala Lumpur, para cubrir 80 Qms. As bonificacións poden ter unha gran transcendencia, xa que entre a segunda e a cuarta prazas só hai sete segundos. Veloso atópase, polo tanto, en disposición de dar unha praza de podio ao Karpin Galicia na primeira participación do equipo galego fóra do continente europeo.