Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Do 16 ao 20 de febreiro

Arte e innovación no Fórum Gastronómico

Máis de 60 cociñeiros reúnense en Compostela para compartir as súas receitas e dar a coñecer internacionalmente os produtos alimenticios do noso país.

Redacción - 12:57 16/02/2008

Os mellores cociñeiros do Arco Atlántico danse cita en Compostela para mostrar as súas variadas receitas con sesións de cociña en directo e con conferencias. O Fórum Gastronómico Santiago 2008 serve de marco para o encontro e intercambio de ideas para os preto de 500 participantes que acudirán ao evento e que contará coa presenza de grandes nomes da cociña como Ferrán Adriá, Flavio Morganti, Carme Ruscalleda ou Fausto Airoldi.

O Palacio de Congresos compostelá será o marco onde preto de 150 empresas presentarán as súas novidades aos profesionais do sector. Durante a fin de semana, o Fórum estará aberto ao público, para que todos os cidadáns “poidan valorar este evento considerado en clave de promoción dos alimentos do noso país”, segundo indica o concelleiro de Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias. Os asistentes, poderán asistir a degustacións de carne, viños brancos e tintos, aceites cataláns e sidras galegas. Os tres últimos días serán só para profesionais. Preto de 500 cociñeiros se reunirán para “promover os produtos do mar e da terra de Galiza” en palabras do director do Fórum, Pep Palau.

O Fórum Gastronómico celebra o seu primeiro encontro en Compostela tras comezar a súa andaina hai seis anos en Cataluña. Dende agora, cataláns e galegos turnaranse para a realización desta feira. Neste ano, a capital compostelá acollerá os mellores chefs: cociñeiros de todo o Estado e de reputación internacional provintes de Francia, Bélxica, Brasil ou Dinamarca.

Filloas e polbo para a fin de semana

Durante os días 16 e 17, os visitantes do Fórum poderán apreciar as marabillas gastronómicas preparadas pola Asociación das Filloas da Pedra d'A Baña, que mostrarán como se elaboran estes produtos tan típicos do noso Entroido. Chegará despois o quenda do Chef Rivera, que mostrará a súa mestría á hora de preparar lamprea, seguido do cociñeiro Pedro Roca que fará unha demostración de cociña de cogomelos. O concurso de polbo á feira é outro dos atractivos desta feira, no que se premiará ao mellor profesional no tradicional arte de cocer o polbo.

A cociña ábrese ao mundo o domingo, coa participación da xaponesa Megumo Shiozawa e Josep María Kao. Será tamén tempo de coñecer novas artes gastronómicas, como a alta cociña en miniatura, onde o cociñeiro Rodrigo Roza dará a coñecer algunhas das súas mellores receitas, mentres que os máis pequenos tamén poderán aprender grazas á Cociña de Xoguete, do chef Marcelo Tejedor.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: