O 'Ferve a rede' non é o único certame de literatura erótica no noso país. O 'Narrativas Quentes' de Positivas pecha este mes a súa cuarta edición.
Edicións Positivas leva catro anos organizando o certame de literatura erótica Narrativas Quentes. Na súa primeira edición resultou gañador Manuel Lourenzo (o novelista, que non o dramaturgo, unha confusión que lle causou ao segundo máis dunha chanza) con Infidelicidades, sendo finalista Francisco Castro con Xeografías. Na segunda edición gañou Alberte Momán, con O Lobo da xente, pero o pasado ano o certame foi declarado deserto. Agora convócase a cuarta edición, á que se poden enviar orixinais até o 1 de marzo. O premio fallarase o 1 de abril e o libro publicarase uns días antes do Día das Letras, "é unha boa maneira de celebrar o Día das Letras, en vez de homenaxear a un morto".
Que tal é a resposta da xente? Recibides moitos orixinais?
Si, imos recibindo ao redor de doce ou quince todos os anos. Creo que é unha boa iniciativa, aínda que eu non creo na separación de xéneros, nin en facer coleccións temáticas. Pero as cousas son así, no mundo editorial. Ademais, a min interésame abrir vías, incitar á xente a escribir e colaborar na normalización lingüística. O galego debe estar presente en todos os ámbitos, e no sexo percibo unha preocupante escaseza de vocabulario.
Tamén entre os escritores?
Si, tamén entre os autores, mesmo entre os orixinais que recibimos. Falta unha meirande preocupación pola lingua e un traballo de investigación previo. E falta ás veces algo de imaxinación, unha vontade de sermos creativos. Por exemplo vénseme agora á cabeza un rapeiro de Brasil que nas súas cancións emprega cousas como "mollar o biscoito" ou "afogar o can", no canto de usar sempre os mesmos termos.
Sobre todo cando na literatura galega sempre houbo moito erotismo...
Si, mira a lírica medieval, na que se dicía de todo. Ou mesmo en Rosalía, que tan algún poema bastante picante.
O ano pasado o premio quedou deserto, 'La Sonrisa Vertical' leva sen concederse sen o 2003... Hai pouca calidade?
Non o sei, pero en calquera caso non sería cousa de Galiza, só, ou do Estado.
Falta sutileza para dicir as cousas? Quizais porque os contidos sexuais están moito máis accesíbeis agora?
Non creo que sexa por iso. Sexo houbo sempre, e se cadra antes mesmo había máis. Nós aproveitabamos calquera momento. Sempre houbo fisuras.
Os gañadores de narrativas quentes foron homes. Non entraron aínda as mulleres no xénero?
Os textos son anónimos, chegan con lema, así que non podemos sabelo. Pero as mulleres teñen que participar porque a súa visión é distinta á dos homes, e moi atractiva. É outra perspectiva, outra forma de ver e de contar as cousas. Mira por exemplo a Lupe Gómez: a súa forma de escribir non é equiparábel á dun home, é outra cousa.