ADEGA valora positivamente o incremento das contías e o feito de que que as novas indemnizacións para paliar os danos producidos polo lobo inclúan tamén ao gando extensivo, xa que este tipo de gandería é vital para a supervivencia do lobo no noso territorio. No entanto, ADEGA entende que o actual sistema de compensacións e axudas podería mellorarse procurando un consenso cos interesados, establecendo liñas de axuda ou novas baremacións para as zonas lobeiras e incrementando a eficiencia na atención aos damnificados e á poboación destas zonas. |
Entendemos que sería un paso importante na xestión da especie que se realizaran consultas cos sindicatos e asociacións de produtores antes de establecer os criterios e o importe das axudas. Son eles os que coñecen directamente as diferentes casuísticas e custos das perdas directas ou indirectas nas súas explotacións. É sabido que calisquer política conservacionista ten que contar necesariamente coa aceptación por parte da cidadanía directamente afectada. Consideramos que chegar a consensos ou, cando menos, achegar posturas cos sector máis directamente implicados redundará sempre na boa marcha da xestión para a conservación da especie.
No mesmo senso, coidamos que sería preciso abrir unha liña de axudas para compensar aos gandeiros que tiveran as súas explotacións en zonas con presenza de lobo. Estas axudas servirían para equilibrar as diferenzas e inconvenientes que hoxe se producen entre os gandeiros que teñen lobo na súa zona e os que non o teñen. Deste xeito, ademais de compensar os perxuizos que ocasiona a presencia do cánido, axudarían a incentivar a outros gandeiros de zonas onde xa non existe lobo a conservar mellor o medio e evitar prácticas de exterminio nada aconsellábeis. Polo mesmo, calquera subvención relacionada coa promoción de actividades sustentábeis no medio natural debería contemplar ventaxas para as explotacións en zonas lobeiras, tanto nos baremos de puntuación como nas prioridades, sexa cal for o organismo da administración convocante da subvención. Entendemos tamén necesario que a Consellería de Medio Ambiente conte co persoal necesario para, en caso de ataques, atender aos damnificados no tempo máis breve posíbel, tanto no que fai aos traballos de investigación como ás compensacións económicas polas perdas. Tamén, ante situacións de alarma social polo avistamento reiterado de lobos, é fundamental dispoñer dun servizo especializado que acuda á zona, estudie o caso e busque as solucións máis acaídas (informar aos veciños, control sobre exemplares especialmente anómalos, etc). E inadmisíbel un sector da poboación poida sufrir situacións de angustia ou temor, por causas posibelmente inxustificadas, e que non se tomen medidas ao respecto. Os medios de comunicación están a contribuir tamén á “mala prensa” que ten o lobo e a criar unha situación de alarma social e hostilidade inxustificada. As reiteradas noticias sobre os ataques e as perdas na cabana gandeira están cheas de expresións como “ataques con saña” “masacres” ou “exemplares de grandes dentes” que crian alarma social e non contribúen precisamente a enfocar correctamente o problema da xestión desta especie, xoia do noso patrimonio natural, que cómpre conservar. ADEGA coida que os medios, alén de informar sobre estes sucesos deberían tamén fomentar actitudes positivas e promover a reflexión serena sobre a problemática do lobo para mudar a inxustificada imaxe de “alimaña” que aínda ten esta especie, en lugar de fomentala.