Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
J.A.Sierra, Asociación Diversidade e Convivencia

"Pódese estudar chinés e non se pode estudar galego?"

"Que hai de raro en que nas Escolas Oficiais de Idiomas de Andalucía se poida estudar galego, catalán ou éuscaro?". Falamos co promotor da iniciativa.

R. Noguerol - 09:00 08/02/2008
Tags:

Abulense de nacemento, José Antonio Sierra acumula unha vida de moitas e vizosas experiencias, entre outras, o seu paso polo Instituto de Cervantes en Dublín, antes de que o organismo adoptase esta denominación. Xa daquela, e hai máis de trinta anos, estaba convencido de que nas cabeciñas caben moitas linguas e de que é bo para todos ofrecer a posibilidade de aprendermos cantas máis mellor. Hai poucos anos fundou o colectivo para a Diversidade e a Convivencia - Asociación Andaluza para a Difusión do Español e das Linguas Minorizadas. Na súa opinión, en calquera cultura a lingua "é do máis profundo e importante" e, segundo reflexiona, no Estado español falta "coñecemento mutuo" e o caso da lingua sería exemplo diso: "Como non vai ser importante para un galego ou un catalán que os casteláns respecten as súas linguas?". "Danme pena os que rexeitan que se poida estudar calquera lingua en calquera lugar", cóntanos.


Vieiros: A iniciativa en favor de galego, catalán e éuscaro nas EOI chega ao programa do PSOE entre outros, polo labor divulgador do colectivo que vostede preside, contactara xa con outras formacións políticas?
José Antonio Sierra: Si que o fixera, pero até o de agora a resposta foi o silencio. E é unha mágoa. O feito de que o PSOE se decidise a incorporar esta iniciativa é un paso de xigante que probablemente vai influír moito na percepción das linguas en Andalucía. Porque hai que subliñar que se trata de ofrecer a oportunidade de estudar esas linguas cooficiais a quen o desexe. Non é ningunha postura que poida cualificarse de partidista. Debería ser algo perfectamente normal que calquera cidadán español que quere profundar na lingua galega, vasca ou catalá poida facelo perto de onde vive. É estraño que existan espazos en ducias de universidades de toda Europa onde isto sexa posíbel e non así nas Escolas Oficiais de Idiomas de España.

Polas declaracións que realizaron ao respecto imaxino que se poñen en contra. Pero o peor non é iso, o peor é que estean terxiversando a realidade da proposta. Porque esta iniciativa non lle obriga a ninguén a estudar un idioma, simplemente pide a posibilidade de quen queira, a quen lle apeteza, poida facelo con normalidade. É unha mágoa que só os socialistas asumisen a proposta e sorprende que un grupo como Izquierda Unida de Andalucía que se pretende progresista, se saia pola tanxente. Dinnos que un dos nosos argumentos, o de que mellora as oportunidades laborais, é un convite a emigrar. É ridículo. Hai unha estatística que di que o ano pasado marcharon 50 mil andaluces a Cataluña. Digo eu: se ao chegar alí soubesen un mínimo de catalán acaso non sería máis rápida e mellor a súa integración social?

Vostede leva anos defendendo que se dean todas as facilidades para os que queren aprender linguas polo pracer de aprendérenas, poidan facelo... Non lle asusta ver que hai políticos que ven pantasmas en ideais tan enriquecedores?
Máis que susto, o que sinto é pena. Máis aínda cando o uso que disto se fai é ás veces unha posición partidista onde se cadra o que din é o contrario do que pensan. Porque non é normal que un cidadán español se opoña á posibilidade de que en calquera sitio se poida ensinar unha lingua que é cooficial. Prodúcenme tristeza esas posturas, porque non contribúen nada ás necesidades da convivencia. Porque se eu fose independentista e escoitase a uns señores que se negan deste xeito teimudo a aceptaren a realidade da existencia doutros idiomas cooficiais con toda normalidade, como non ía reafirmarme nese ideal independentista?

Para que os españois se entendan hai que empezar por respectar a existencia doutras linguas no Estado español, ser conscientes de que existe unha pluralidade de culturas e facilitar o intercambio e o coñecemento entre elas. Pero vaia vostede á maioría de bibliotecas públicas fóra de Galiza, Cataluña e Euskadi e trate de atopar un libro ou, aínda que sexa, como mínimo, un dicionario dalgunha desas linguas. Seguro que non o atopa.

O feito de que Javier Arenas se apunte a usar o tema lingüístico como arma arreboladiza indicaría que considera que hai unha parte do electorado sensíbel a esa manipulación... En que medida percibe vostede prexuízos na sociedade andaluza fronte á realidade plurilingüe do Estado susceptíbeis de ser manipulados dese xeito?
É evidente que algo queren sacar con esa postura equivocada. Pero eu penso que é un arma que pode ter dous fíos. Porque eu non me imaxino ver a un político do PP indo a Galiza despois de diciren en Andalucía o que din, e dicíndolles aí aos galegos 'miren vostedes, en Andalucía imos prohibir que se estude o galego, o galego só se vai poder estudar en Galiza'. Non ten sentido ningún. Van gañar votos entre os galegos dicíndolles iso aos andaluces? Penso que xeraría rexeitamento mesmo entre votantes potenciais do PP, e creo que até o está a facer xa aquí en Andalucía. Agás na liña editorial de certos medios de comunicación que o interpretan ao seu xeito, penso que é unha cuestión de sentido común.

Foi vostede un pioneiro no seu momento na introdución de galego, catalán e vasco no organismo precursor do Instituto Cervantes... Se cadra en 1975 e en Dublín tiña un algo de exótico esta súa idea. Foi complicado botala adiante?
Estas cousas ao longo da miña vida eu fíxenas sempre por convicción persoal. Se ti cres en algo na túa vida, tes que loitar por iso. Eu estou contento de que agora mesmo o partido que está no goberno faga súa esta proposta, e espero que en Andalucía os socialistas, se repiten no poder, fagan realidade en breve o compromiso asumido.

No caso de Irlanda e naquela altura, axudou o feito de que naquel momento houbese un embaixador español que era moi aberto. Eu presenteille os meus argumentos: estabamos nun país bilingüe, onde un idioma, o gaélico, estivera a piques de desaparecer polas circunstancias que todos coñecemos. E nese sentido, debía parecer completamente normal e proveitoso que desde o organismo que representaba a cultura española naquel país se puidese amosar que esa institución era o lugar de todas as culturas e linguas de España. Se logo non había demanda, como foi no caso do galego, pois non pasaba nada, pero debía existir a posibilidade de optar. Por iso, eu tiña sempre unha lista de profesores de galego, catalán ou éuscaro no contorno da cidade por se había alguén que viña preguntando, e no momento en que eses grupos que estaban fóra adquirían un número mínimo de alumnos, xa podían pasar ao Instituto. En 1973 xa organizáramos o ano de Galiza en Irlanda, e argallamos un concurso de redacción nas escolas a través do cal convidamos a profesores e alumnos a visitar o país.

Pero iso que naquel momento foi excepción froito da súa propia teimosía tardou aínda moitos, se cadra demasiados anos, en ser unha aposta asumida oficialmente pola institución?
Si, foi unha excepción que non se converteu en regra até a década dos 90. Pero o lóxico é que acabara sendo así. Non tiña sentido un Instituto Cervantes restrinxido ao castelán. O irregular era a situación anterior, onde existían universidades con cátedras e lectorados de galego, catalán ou éuscaro e a pé deles un organismo cultural español que permanecía alleo a esa realidade cultural do Estado español. Afortunadamente isto cambiou, e por certo, un dos que influíu e traballou especialmente para que isto fose así foi o agora ministro de Cultura, antes director do Cervantes, César Antonio Molina.

E do mesmo xeito que o que era excepción no Cervantes hai trinta anos agora é normal, veremos unha evolución similar no que lle toca ás Escolas Oficiais de Idiomas en breve prazo?
Eu estou convencido de que si, e de que ademais poderá suceder nun prazo moi curto. En canto se adopte este compromiso non tardará en asumirse como normal que dous alumnos estean nunha EOI e un lle diga ao outro 'E ti que estudas? Eu chinés, e ti? Eu catalán' . Que hai de malo ou de raro niso? Máis alumnos estudando linguas, máis intercambio e coñecemento entre todos.

Con todo, agora mesmo diversidade e convivencia, palabras que forman parte do nome do colectivo que vostede promove, non parecen estar precisamente de moda no debate político?
Isto é coma todo na vida. Se dúas persoas con opinións diferentes se berran, entón non se convencen. Pero se falan, se hai razoamento, preguntas e respostas, argumentación construtiva, entón non debería haber problema para evolucionarmos en favor da diversidade. Porque xa me dirá vostede que hai de malo no que pedimos: que aquí na EOI de Málaga, ou que nas EOI de toda España quen queira estudar algunha das linguas cooficiais poida ter a opción de facelo. Pódese estudar chinés e non se pode estudar catalán ou galego? Que me conten por que, polo número de falantes? É ridículo, os idiomas non os fai máis valiosos o número de persoas que o falan. Cada un de nós estuda as linguas que lle apetecen polo fin que sexa: comercial, cultural, turístico ou porque lle peta.


4,94/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: