Anxo Quintana presenta un proxecto de impulso ás novas tecnoloxías no concello ourensán, mediante a interconexión, a administración electrónica e a alfabetización dixital.
O alcalde de Allariz, Francisco García, e o vicepresidente da Xunta amosan a tarxeta de acceso a Allariz Dixital / Concello de Allariz
O proxecto Allariz Dixital, presentado este mércores, pretende converter o concello ourensán no impulsor da Sociedade da Información no país.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, encargado de dar a coñecer a iniciativa, asegurou que o proxecto converterá Allariz nun "referente de políticas ambiciosas desenvolvidas localmente con aspiración global" para "seguir á vangarda galega".
O programa, que segue as indicacións do Plan Galego da Sociedade da Información, desenvolverá estratexias a todos os niveis para introducir o conxunto da poboación nas novas tecnoloxías da comunicación e romper as desigualdades entre o rural e o urbano. Así, incidirá en tres liñas estratéxicas: a conectividade, a administración electrónica e a alfabetización dixital.
Para acadar o primeiro obxectivo, poñerase en marcha unha malla de comunicación entre a vila e as parroquias a través dos centros sociais como intermediarios para o acceso aos servizos de interese xeral. Nunha primeira fase, conectaranse 6 centros mediante unha rede sen fíos, que se irá estendendo a todo o concello. Tamén se instalará un servizo de información específico: un circuíto interno de televisión nos telecentros e locais sociais coa actualidade sobre a vida social, cultural e política do municipio. Ademais, desenvolveranse accións orientadas á mocidade como colectivo impulsor das novas tecnoloxías.
A segunda liña estratéxica, a administración electrónica, poñerase en marcha mediante un sistema de acceso aos servizos municipais por medio dunha tarxeta. Isto permitirá reducir os tempos de tramitación e ofrecer servizos accesíbeis, transparentes e atención en tempo real.
Por último, pénsase avanzar na alfabetización dixital con contidos nas aulas municipais e mais nunha aula móbil que percorrerá as parroquias.
Unha das iniciativas que máis destacou Quintana foi a busca de achegamento ás novas tecnoloxías a través do intercambio xeracional. Os netos e netas, baixo a titorización de persoas expertas, converteranse en embaixadores formativos dos seus avós.