Reclama a participación da coordinadora nacional, Iolanda Díaz, no programa Hai Debate.
Esquerda Unida (EU) esixiu este luns a súa participación nos debates electorais da TVG e ameazou con recorrer ante a Xunta Electoral se "é excluída". Así, anunciou que reclamará o respecto ao pluralismo político e social, así como a neutralidade informativa dos medios de comunicación de titularidad pública en período electoral.
Máis en concreto, EU reclamou a participación da coordinadora nacional e tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Yolanda Díaz, no programa da televisión autonómica Hai debate! do próximo día 18; así como no previsto para o día 27, ambos os dous con temática electoral.
Ademais, considerou que a decisión de exclusión por parte do Consello de Administración da TVG responde a criterios "estritamente políticos" e á pretensión de eliminar a voz "nítida e crítica" da "única opción alternativa e de esquerda".
Por todo, EU reiterou que a súa exclusión sería "inescusábel" posto que dispón de grupo parlamentario no Congreso e porque deixaría sen representación nos debates os 32 mil galegos que "confirmaron a EU como cuarta forza política".